«O Tio Marcos d'A Portela» sigue sendo o referente logo de 140 anos

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A primeira publicación monolingüe en galego editou o número inicial en 1876

29 feb 2016 . Actualizado a las 11:12 h.

O xornalismo galego, e en galego, ten o seu referente e a publicación iniciática nunha cabeceira ourensá que cumpriu os seus 140 anos como proxecto recoñecido de forma unánime en toda Galicia. O Tio Marcos d' A Portela editaba o seu primeiro número o 7 de febreiro de 1876, con Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849-1906) como director e factótum da iniciativa. A experiencia promovida en Ourense foi, e como tal está considerada e recoñecida, o primeiro periódico monolingüe en galego e un xornal que acadou unha importante presenza na sociedade do seu tempo.

O Tio Marcos d' A Portela editouse entre os anos 1876 e 1919, con tres etapas ben diferenciadas. O Parrafeo Primeiro -os parrafeos eran unha fórmula con moito éxito naquela altura, ao tratar as novas en forma de diálogo ou conversa- data de febreiro de 1876 e a primeira etapa continúa, con algunha interrupción, deica 1880. A segunda encetou en novembro de 1883 e tivo continuidade -sen suspensión de ningún tipo- ata decembro de 1889. Despois dunha longa ausencia, a terceira xeira da publicación desenvolveuse entre febreiro de 1917 e xullo de 1919. Lamas Carvajal desaparecera anos atrás e desta volta asumiu a dirección Xavier Prado Lameiro.

Chegou aos 4.000 exemplares

Unha boa parte dos artigos tiñan como autor a Valentín Lamas Carvajal, co seu nome ou con diferentes pseudónimos, e outros eran redactados por colaboradores. Segundo se sinala na referencia da Real Academia Galega sobre a publicación, «os seus contidos recollían os temas habituais da prensa do momento, cunha evidente predilección pola literatura culta e popular: poemas, contos, refráns, cántigas».

O Tio Marcos d'A Portela foi todo un acontecemento social na súa época. Segundo lembra a RAG é a cabeceira máis duradeira da primeira etapa da prensa en galego e chegou a tirar 4.000 exemplares, tamén se convertiu «na máis popular, vendéndose nas ferias e mediante subscricións por toda Galicia e nas comunidades emigradas de América. Pódese dicir, xa que logo, que

O Tio Marcos d' A Portela foi a primeira tentativa exitosa de crear unha prensa de masas escrita na nosa lingua. Con el naceu unha auténtica escola de xornalismo en galego que tivo numerosos seguidores e imitadores en todo o país».

Publicidade e Irmandades

Outra das facetas pioneiras do primeiro xornal monolingüe en galego, que chegou a editar 430 números, foi a referida á publicación da publicidade na nosa lingua. Comezou na segunda etapa e mantívose durante toda a terceira. Nestes últimos anos da cabeceira, xa con Lamas Carvajal desaparecido, a publicación estivo a cargo de Xavier Prado Lameiro e da Irmandade da Fala da cidade de Ourense.