Gabriel Tizón: «O que me move son as persoas e todo o que lles pasa»

OURENSE CIUDAD

IRIS CABEZAS

O fotoxornalista estará en Xinzo e na capital onde ofrecerá unha charla do seu traballo xunto ós refuxiados

28 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O fotoxornalista ferrolán Gabriel Tizón estará hoxe en Ourense. Pola mañá visitará Xinzo, concretamente ós alumnos do IES Cidade de Antioquía. E pola tarde, o centro cívico de A Ponte (ás 20.00 horas). En ambos casos, Tizón falará da súa iniciativa «Proxecto Muros», impulsada a través da oenegé Causas Comúns, que fundou hai catro anos.

-¿Cómo xurde Causas comúns?

-Foi no 2012, durante unha exposición que fixen en Senegal para mostrar aló a pobreza en Europa. O obxectivo non era aleccionar, simplemente informar. E esa exposición segue alí. A creación da oenegé ten que ver coa idea de facer proxectos e traballar en causas común, porque ó final todos somos iguais, temos problemas similares.

-Agora chega de Lesbos, onde conviviu e retratou a realidade dos refuxiados. ¿Como foi esta experiencia?

-O que me move sempre son as persoas e todo o que lles pasa. O cotiá. Por iso estiven con eles e fixen o camiño xunto a eles. Foi unha experiencia dura, aínda que son consciente de que por moito que sexa para min, eu tarde ou ceo volvería.

-E dista viaxe xurdiu un libro titulado «Muros».

-Neste caso non se pode dicir que unha imaxe vale máis que mil palabras. Quixen facer un libro con textos escritos polos propios emigrantes xunto ás miñas fotografías. Isto é moi importante porque creo que os medios falan moito do que pasa pero eles non aparecen. É moi importante que se fale das persoas. Esa é a idea do libro. Desta experiencia sae ademais un documental e unha páxina web.

-O libro e a experiencia xa foron presentados noutras cidades, ¿como é a resposta do público?

-A xente pregunta e eu conto a miña experiencia. O que eu vivín detrás de cada foto. Alucino coa desinformación sobre o que pasa. Ninguén se imaxina o que está a suceder. E é aquí ó lado. Eu trato de ser o máis realista posible e falar do que vivín.

-Neste tipo de traballos, ¿qué busca coa foto?

-Unha boa foto debe falar pos si sola. Unir o retratado co espectador a través do fotógrafo. O tema estético xa depende de cada un.

-¿Volverá cos refuxiados?

-Estou pensado noutra viaxe á zona dos Balcanes. O que pasa alí co frío é tremendo.