Inma Soto: «Ser consumidor responsable non é sinxelo»

Sustinea leva ó campus a campaña «Mobilízate pola selva» no seu compromiso co medio ambiente


OURENSE

Chega ó Edificio de Ferro a campaña «Mobilízate pola selva» ca que Sustinea, xunto co Instituto Jane Goodall, quere dar a coñecer a problemática que ten a extracción do mineral que se emprega nos aparellos electrónicos e o que se pode facer para minimizar o seu impacto.

-¿Como xorde a posibilidade de colaborar co Instituto Jane Goodall?

-Nunha ocasión pedíranme que organizara un obradoiro de educación ambiental relacionado co Día Mundial da non violencia. Non tiven dificultades en atopar unha temática que me servise de nexo, xa que detrás de moitos conflictos atópanse os recursos naturais non renovables, como o petróleo, a auga ou, neste caso, o coltán. A dificultade da actividade radicaba en que os destinatarios eran rapaces duns 9 anos e a min parecíame unha temática moi dura para abordala con eles, posto que a minería ilegal explota man de obra infantil ou semiescravizada.

Púxenme en contacto co Instituto Jane Goodall para que, a través da campaña «Mobilízate pola selva», os rapaces e rapazas que participasen no obradoiro sentisen que formaban parte activa da protección dos ecosistemas africanos. Traballaron por grupos de expertos, adquirindo diferentes roles: presidente da R.D. do Congo, poboación local, presidente dunha empresa de tecnoloxía, cidadán dun país europeo, onde cada un defendía o seus intereses. Realizaron unha campaña de sensibilización e recollida de teléfonos que foi todo un éxito. A verdade, estou moi orgullosa dise traballo. Nesta ocasión é o meu compromiso coa asociación Sustinea a responsable de materializar esta campaña en Ourense. Por unha banda, a oficina de Sustinea é un punto de recollida oficial de móbiles en desuso e, por outra, buscamos que a cidadanía coñeza as problemáticas dun consumo irresponsable e abusivo de tecnoloxía, polo que organizamos a charla na Universidade e lanzamos un desafío nas redes sociais que consiste en achegar un teléfono móbil en desuso para reciclar e axudar a diminuir a demanda de coltán.

-Falarase de tecnoloxía e de gorilas e chimpancés a un tempo. Poden parecer temas illados pero, ¿que descubrirán os que vaian á conferencia mañá?

-Descubrirán que detrás dos aparellos electrónicos que usamos a diario agóchase o centro dos conflictos bélicos que producen millóns de víctimas e refuxiados na República Democrática do Congo. A minería ilegal explota man de obra infantil ou semiescravizada, destruíndo ademáis os hábitats de moitas especies como os chimpancés e gorilas, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación. Pero, o máis importante, é que descubrirán maneiras de colaborar e axudar a minimizar este impacto.

-¿É fácil concienciar á xente das consecuencias dos seus hábitos de consumo?

-Non. Estamos nunha época na que a información é desbordante, mais a xente escolle non indagar demasiado nos temas que os poñen incómodos. Ser un consumidor responsable non é unha tarefa sinxela; implicarse e cuestionar constantemente os nosos hábitos require un compromiso ao que moitos non están dispostos. Penso que hoxe en día, en xeral, temos un comportamento que só busca a satisfacción persoal e non nos plantexamos renunciar a nada por un ben alleo.

-¿Que segunda vida propoñen para os móviles?

-A campaña propón alongar a vida útil dos nosos móbiles, e a súa vez ofrece aos cidadáns unha forma sinxela e gratuita de aportar móbiles en desuso (en funcionamiento ou non), o que permitirá: reutilizar terminais e reducir a insostible demanda dos seus compoñentes; e reciclar elementos útiles e dispor axeitadamente os materiais tóxicos, evitando a contaminación do medio. O coltán está en partes moi pequenas da electrónica, pero pódese recuperar. É un recurso valioso, non só porque é escaso, tamén polo penoso de obtelo coa explotación de persoas e nenos.

-¿En que outras cousas están traballando neste momento en Sustinea?

-Neste ano Sustinea creceu como entidade, afianzando proxectos e creando outros novos. Seguimos a traballar nos campamentos ambientais no Parque Natural do Xurés, campos de traballo e voluntariado. Recibimos a primeira quenda de voluntarios europeos que nos fixo medrar, non só en número, tamén en ilusión e en ideas para novos proxectos. Levamos a cabo actividades en familia, rutas pola natureza para coñecer mellor o noso entorno e cociña consciente para nenos. Acabamos de lanzar unha campaña na que propomos «10 meses para comprometerse», na que cada mes estará adicado a unha temática ligada á natureza, que festexaremos lanzando un desafío social e ambiental, co que buscamos implicar á cidadanía na promoción dun cambio consciente e responsable. Ademáis, temos o programa de Escolas Sostibles para levar a cabo nos centros educativos que teñan un compromiso ambiental e o proxecto «Un rural para todos»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Inma Soto: «Ser consumidor responsable non é sinxelo»