«Os cantares sempre se me diron»

OURENSE CIUDAD

Corona Paz mantén vivo o legado dos tempos nos que os fiadeiros eran cita obrigada

23 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A María Corona Paz Díaz homenaxeárona na última edición do Día do Orgullo Gaiteiro e ela non esquece a cita do 13 de decembro no Auditorio de Ourense. «Foi unha marabilla. Estar alí coa familia, cos meus fillos tocando e con toda a xente que estaba no acto. Foi un día especial que non esquecerei nunca. E tamén por min, porque foi un orgullo que me fixesen o recoñecemento», lembra a cantareira. Naceu en Abavides (Trasmiras) en 1941 e lembra como se fora agora mesmo os tempos nos que cantar era un elemento identificativo da cultura rural galega.

«A min os cantares sempre se me diron moi ben. Teño unha facilidade para este tipo de cousas. En canto os escoitaba xa me quedaban, e algúns que non sabía ou que coñecía por partes, sempre os acaba por sacar e completar. Iso si, cando é algo que non coñezo ou unha peza que quero recuperar o que preciso é que me conten a historia. Saber de que vai é moi importante para logo tirarlle o sentido», sinala Corona Paz. De cativa andaba sempre remexendo por onde estaban os maiores -ía de par das máis vellas que eran as que sabían- e así foi aprendendo. Fiadeiros, mallas, seituras, entroidos, Reis... o ciclo anual estaba cheo de actividades e citas nas que aprender e ela, que sempre andivo no campo e se adicou aos traballos da labranza -ata que emigrou a Alemaña- era fixa: «E daquela sempre se cantaba. Cando ías cavar, ao participar nas mallas -íamos de catro en catro facendo o traballo-, nos fiadeiros e noutros encontros que daquela eran cousa habitual nos pobos. Hoxe todo iso perdeuse».

Recorda de cando cativa, e comeza a cantala, unha peza do ano 36 «que recuperei grazas a un que servira co meu tío na guerra» e outra que rememoraba o voo de Franco. Era unha época na que tamén tiñan unha importante presenza os cegos que andaban a cantar polas feiras e romarías.

Os cantares de Reis, as adiviñas e outras pezas seguen formando parte da memoria de Corona Paz. Comeza cunha canción que alude a 1961 -«e que había un medo terrible porque se dicía que en 1960 remataba o mundo. E como non foi tal, nesa canción lembrábase que xa chegara o 61 e que nada pasara»- e confesa que unha das cousas polas que devecía era polo entroido. «Os testamentos, o de preparar as pelicas de cans para o día. Eran os ocios que había. E todo iso cambiou moito porque daquela o entroido de Xinzo tampouco vaia pensar que era moito máis. Eu vía a un pasando por alí e o outra persoa camiñando polo outro lado e xa era quen de facer un testamento -as sátiras que se lían no entroido-. Sempre fun moi festeira. Iso si, tamén levei catro sustos nestas lerias», recoñece Corona Paz.

A cantareira de Abavides, que dende que voltou da emigración en Alemaña vive na cidade, e metódica e ordeada. Garda todo o que foi recollendo ao longo destes anos, e materiais que conseguiu, e colabora desinteresadamente coas persoas que se intersaran pola cultura tradicional e por este tipo de música. Aos irmáns Cástor e Félix Castro Vicente, promotores do Día do Orgullo Gaiteiro, esinoulle moitas das pezas que foi gardando na memoria ao longo da súa vida.

«Todo iso morreu»

Corona Paz ten claro que a despoboación e os medios de comunicación, por riba de todo, remataron con todo aquilo: «A xente xuntábase e cantaba porque era a diversión que había». Lembra a primeira radio que viu «e como dicían que a xente que se escoitaba estaba dentro. E nós mirabamos, e dabas a volta por si estaban por detrás, e non se vía nada» e logo xa a chegada da televisión «que ías á feira a Xinzo e tiñan unha alí no bar Antela, que aquilo parecía unha romaría. E cando veu o tocadiscos non che conto».

Tradición. Corona Paz aprendeu os seus cantares en Abavides.

Actividade. Airiños, Agarimo, Santa Lucía e Afundación son algúns dos lugares onde ten cantado.

Recoñecemento. Foi homenaxeada no Día do Orgullo Gaiteiro.