O activista social que chegou á política

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O candidato de En Marea leva dende os 18 anos en proxectos cidadáns e formou parte da iniciativa Ourense en Común

13 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Representa o candidato de En Marea ao Congreso o perfil do novo escenario que se está a vivir na política. O das xeracións que veñen chegando ao compromiso público dende as zonas non controladas polos partidos maioritarios e lonxe do tradicional percorrido dos que foron facendo carreira a forza de situarse na banda correcta, agardando o seu momento.

David Bruzos transitou o camiño do activismo social e cultural nuns tempos nos que a mocidade viu que había terreo de xogo máis alá das iniciativas vencelladas a uns intereses que viñan coincidindo cos grandes movementos políticos, que se alternaban no xogo goberno-oposición, en función das quendas do momento. Hai anos aparecía nos medios un voluntario ourensán, cabelo longo e ilusión nos ollos e nas palabras, que chegaba de Cisxordania. Palestina e Chiapas foron os escenarios nos que estivo como cooperante este mozo do barrio de As Lagoas que leva a metade da vida loitando polas melloras sociais -«empecei como activista cando me fun a Compostela con 18 anos»-. Non gosta de falar de colectivos, senón de plataformas ou proxectos nos que estivo colaborando: pasou pola Plataforma Galega Antitransxénicos, Nunca Máis, a rede Galicia Non Se Vende, participou en Fuga en Rede -movemento co que estivo de cooperante-, Saramaganta, Semente e outras iniciativas. Do seu paso por Chiapas e Palestina garda o recordo das loitas indixenistas, a alegría deses pobos que resisten a pesares da marxinación e o asoballamento do poder, a súa fortaleza. Alí aprendeu algo ao que lle ten lei: «Unha batalla non se perde ata que abandonas».

Docente por vocación e compromiso, é profesor de Física e Química no IES Lauro Olmo de O Barco. Dende hai dous anos está liberado polo sindicato STEG e amósase preocupado polas condicións dos docentes e polo escenario que albisca: «Non é só esa tendencia que se está fomentando de cuestionar aos profesionais do sector, agora son os ataques que se están xenerando contra o modelo de ensino público. De forma moi interesada». O documento que está a elaborar Marina é unha proposta de parte, sinala Bruzos que «todos sabemos de que parte», e defende un gran pacto de Estado pola educación -«non se pode facer política con iso. A educación é o motor da sociedade do futuro»-.

Nadar con Maia e as estrelas

Recoñece David Bruzos que a campaña é un espazo duro, sen orde, e o que máis lle doe é o tempo que non comparte coa súa parella e con Maia -que cumpriu 22 meses esta semana-. O partido semanal de baloncesto cos amigos, as horas que vai nadar coa súa filla á piscina da universidade, a lectura e a música son as súas afeccións. Xunto ao seu interese pola astronomía: dende a casa de Velle observa o ceo co telescopio e iso dálle unha medida diferente das cousas.

Confesa ilusionado que a familia crecerá no 2016. E o subsconciente traizoao: apunta que chegará en maio e di que «esta non sabemos se será neno ou nena». En todo caso Maia terá compaña.

david bruzos cabeza de lista de en marea ao congreso