«Traballo, tenacidade e ter os pés fóra manteñen vivos a Luar na Lubre»

OURENSE CIUDAD

Para Bieito Romero, que fai bandeira das orixes, tocar en Ourense é facelo na casa<span lang= es-es > </span>
Para Bieito Romero, que fai bandeira das orixes, tocar en Ourense é facelo na casa . ana pardo< / span>

A banda liderada por Bieito Romero enceta a xira de «Extra Mundi» en Ourense e celebrará no 2016 os 30 anos

10 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre chegará mañá a Ourense para ofrecer un concerto no Teatro Principal (20.30 horas). Non é a primeira actuación da formación liderada por Bieito Romero neste espazo cultural, aínda que nesta ocasión a cita ten unha fonda carga simbólica e sentimental: é o concerto que marcará o inicio da xira de presentación do seu novo traballo, «Extra Mundi», e o que servirá para conmemorar os seus trinta anos de carreira, que se cumpren no 2016. Xunto a Romero, no proxecto de Luar na Lubre participan na actualidade Paula Rey (voz), Xulio Varela (bouzouki, voz e percusións), Eduardo Coma (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor e djimbek), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusións latinas e efectos) e Xan Cerqueiro (frautas). O líder da banda lembra como se desenvolveu o proxecto e as previsións da xira que agora comeza.

-¿Por que escolleron Ourense para iniciar a xira?

-Podería buscar argumentos que quedarían moi ben para explicalo pero non sería certo. Foi casual, aínda que non é a primeira vez que eleximos a cidade para iso. É unha casualidade moi bonita.

-¿Iso ten que ver coa vea ourensá que sempre reivindica?

-É o seu. Toda a miña familia é de Ourense. De Paradela-Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo) por parte de nai -alí está toda a familia e os meus curmáns- e de Melón de Abaixo (Esgos) por parte de pai. Daquela este concerto é na casa.

-¿Tamén participa a Coral de Ruada?

-Contamos coa colaboración deles nun tema e vai estar a coral connosco no concerto. Nós participamos nos actos do seu 90 aniversario e agora voltamos a estar xuntos.

-¿Ao final cantas linguas entraron no proxecto?

-Apostamos por temas de todo o Estado e «Extra Mundi» é un disco con cinco linguas. Xeralmente o noso traballo e o mundo interior e a faceta Atlántica, a que temos próxima, aínda que onde máis nos movemos dende hai tempo é fóra. De feito na actualidade o 90 % dos concertos que facemos son fóra. E alí onde imos nos acollen cos brazos abertos.

-¿De aí os temas coñecidos en catalán, éuscaro, castelán e galego?

-É en lingua asturiana, que é unha zona do Estado onde se nos quere moito. Ata o de agora tiñamos feito discos con temas en galego, irlandés e gaélico. E agora recollemos temas que son referencias nos lugares aos que acudimos a tocar.

-Cumpren 30 anos no 2016. Moitos grandes grupos quedaron polo camiño. ¿Cal é a fórmula para manterse?

-Non a sei. No noso caso é a tenacidade, rodearte dun bo equipo e unha aposta en común. Asumir os cambios é moi importante ao ser tanta xente e tamén é un aspecto determinante a convivencia: son moitos anos viaxando e iso é un valor engadido. Traballo, tenacidade e ter os pés fóra son os factores que nos manteñen vivos en Luar na Lubre.

-¿A supervivencia está fóra?

-Non queda outra. En Galicia houbo un importante panorama musical e unha eclosión de grupos hai anos. Pero non fomos quen de consolidar unha infraestrutura nin os espazos necesarios para garantir o futuro dese movemento e desa riqueza cultural. Nós sentímonos moi queridos en Galicia, o apoio é total, pero precisamos tocar fóra para garantir a viabilidade do noso proxecto.

-¿Trinta anos dan para moitos concertos lonxe de Galicia?

-Nós levamos máis de mil actuaciones, en vintecinco países, algo que é moi meritorio nun panorama musical que non conta con apoios. Non fomos capaces de crear unha estrutura no país e, por así dicilo, Luar na Lubre está na emigración do século XXI. Na que conviven moitos outros. ¿Que país deixa marchar aos seus mozos mellor preparados?.

-¿Ademais da Coral de Ruada colabora alguén máis no disco?

-Contamos coa banda La Muixeranga, de Alcoy, e co músico galego Nani García.

-Falando de colaboracións. ¿Mike Oldfield marcou a historia de Luar na Lubre?

-Iso é innegábel. Que se fixara na nosa música e que colaborase con nós diunos outra dimensión e repercusión. Dito isto tamén hai que lembrar que a xente non é tonta e que iso de pouco serviría sen a nosa tenacidade e o traballo.