Entre pupitres con el ciclista Pablo Rodríguez: «Era un traste, pero dos de antes, un traste bo»

OURENSE CIUDAD

Pablo aproveita nas competicións internacionais o inglés que aprendeu con José Antonio.
Pablo aproveita nas competicións internacionais o inglés que aprendeu con José Antonio. santi m. amil< / span>

O campión macedán de ciclismo comezou sendo futbolista e non desbota volver estudar

07 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«¡É a primeira vez que vexo un famoso tan de cerca!». O famoso é Pablo Rodríguez Guede, multicampión macedán de ciclismo. A frase, dun pequeno de 11 anos que se senta na mesma aula que el ocupou hai algo máis dunha década. O escenario, o colexio público de Maceda.

Nesa aula hoxe desbordada de autógrafos e caras emocionadas cursou Pablo o seu último ano na escola da vila. A memoria dos seus 23 anos está fresca, pero non tanto como a do seu mestre, José Antonio Rodríguez, que non dubida en sinalar o pupitre que o exalumno ocupaba na clase de inglés.

Pablo guíase polos sentidos no regreso á súa vella escola: «A aula de inglés está igual, igual. Ata cheira igual!». Outro arrecendo, o da comida que se está preparando no comedor, transporta ao campeón aos mellores momentos da súa vida escolar: «O outro día comentábame unha persoa que eu, de pequeniño, non quería vir ao cole e que choraba moitísimo, pero eu lembro que me gustaba moito a comida. Sempre comín aquí, ¡iso que vivía a 200 metros! No comedor estaba desexando chegar a 6º para servir. Era como que te facías maior».

Pequeno e miúdo

¿Como era aquel Pablo que comezou a practicar ciclismo por un anuncio colgado na parede da escola? A resposta está viva na mente de José Antonio: «Fisicamente era o máis baixo da clase, era moi miúdo, e andaba sempre con Víctor e con Manuel, que eran grandes. De carácter era como agora, con don de xentes, afable e perdendo do seu para evitar enfados e discusións».

Era, engade, un rapaz de non estar quieto, un neno de patio, de xogos e de movemento, de estar solto, de xogar ao fútbol no recreo: «Agora prefiren as maquiniñas, dar paseos, comer bollycaos... Pablo era traste, pero traste dos de antes, un traste bo, máis ben pillo -matiza veloz José Antonio-, non dos de agora. Agora son trastes retorcidos. Este non. Daquela estudábase; agora vense aquí estar ao quente, comer ben e que te atendan».

«¡Que fama lles estou poñendo!», autocritica o mestre, para insistir deseguido: «A min encántame a educación e veño contento ao colexio, pero agora é horrible: non hai forma de motivalos. Se lles falas de ir ao teatro en Ourense, só preguntan se poden levar o móbil ou a tableta... E isto non é demoledor, é realista».

A enerxía do mestre desátase en paixón ao falar do seu oficio: «Dende logo, a nosa, se che gusta, é a profesión máis bonita que hai, pero estamos en épocas flacas porque de fútbol e educación entende todo o mundo».

Pablo non se recoñece exactamente coma o bo estudante que describe José Antonio: «A clase de Pablo era moi boa; eran como esponxas, que lles tes que dar, dar, dar... E Pablo era dos bos, sempre traía todo feito, nunca tivo ningún problema aquí». El defínese como «nin bo nin mal estudante» e escacha a rir cando responde á pregunta de cales eran as súas materias preferidas: «¡Ningunha! A min o que me gustaba era o recreo e cando tocaba para marchar para a casa».

A maldición da química

Admite que as Matemáticas «de nivel baixo, no cole, si que me gustaban. Despois complicáronseme no instituto. E a Química máis, por non aprender a táboa periódica. A Química matábame, mal, mal, mal».

Curiosamente, os exames nos que pasaba máis nervios eran os de Música. «O inglés -di para satisfacción do seu profesor- sempre me tirou bastante e despois, co ciclismo, vinlle utilidade». Con José Antonio -lembra- aprendín tamén o básico de informática, aplicado ao inglés. E ao final sempre nos deixaba 10 minutos para entrar en páxinas de xogos. Despois, co ciclismo, fun valorando a base que adquirira no colexio. No 2013 estiven nun equipo francés e entendiámonos en inglés; a base permitiume entenderme e afondar máis».

Agora, en plena expansión deportiva e cos estudos aparcados, non renega dun futuro con libros: «Os pais e os avós enfadábanse cando dicía que quería ser ciclista. Falábanme de estudar algo relacionado co deporte. Se tivese que estudar, acabaría en INEF. Agora penso que me gustará estudar algo; agora non podo, pero máis adiante».