«O aspecto engana; moitos van despampanantes e non dan nada»

OURENSE CIUDAD

O Banco de Alimentos «ocupa» os supermercados de Ourense pedindo colaboración aos cidadáns para a campaña «Gran recollida 2015»

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cristina ten 24 anos e estuda Turismo no campus de Ourense. Ramón ten 80 e míraa con esa satisfacción de quen se sente fachendoso dun bo fillo. Non son máis ca compañeiros voluntarios do Banco de Alimentos de Ourense, pero ese vínculo fainos sentir extremadamente próximos. Ambos locen os mandís brancos da organización durante a campaña que onte e hoxe se desenvolve nos supermercados da toda España. Eles están nun Froiz do centro de Ourense; un pouco escondidos porque non hai espazo na entrada, pero co ánimo intacto.

Están lonxe en idade e, posiblemente, en afeccións e estilos de vida, pero ambos comparten actitudes e ata experiencias. «A min hai quen me di: non tes outra cousa que facer que perder o tempo aí?». E Ramón confirma: «Ou tamén oes: ¿e logo non podes ir tomar un vaso cos amigos?».

Entre sorrisos a quen deposita algunha bolsa no carriño-base e algunha que outra explicación aos despistados, Cristina González e Ramón Rivero enfráscanse nunha construtiva charla sobre a sociedade actual e os valores.

«Eu empecei a colaborar co Banco porque oín unha conversa e intereseime. Cando cheguei, dixéronme: vas ser a mimada porque son todos xubilados».

E é verdade, constata. A rede de voluntarios nútrese de xubilados: «Aínda onte estiven avisando a amigos e compañeiros por Facebook para que se apuntasen a botar unha man nesta campaña, pero nada, á xente interésalles máis poñer unha foto persoal».

Ramón ten a súa explicación: «A miña xeración educou ben aos seus fillos, pero estes son a xeración de ter fillos únicos e os fillos únicos adoitan ser máis egoístas». Con matices por parte de Cristina -«non todos os mozos son así, eu estou aquí»-, Ramón defende tamén aos da súa quinta: «En moitos casos os maiores non participan nestas cousas porque son incapaces de entender que o que máis se beneficia é o que axuda».

Entre charlas e debates, o ritmo de doazóns non é precisamente trepidante e son moitos máis os que pasan por caixa e pagan unicamente a súa compra que os que reservan unha parte para doar. «O aspecto da xente engana totalmente; moitos van despampanantes e non dan nada e hai que fan unha compra de máis de 80 euros, que non lle custaba nada gastar 1 euro máis para o Banco, pero non o fai. A xente que máis entrega viste normal e hoxe vin unha muller estranxeira que pagou a súa compra, viunos no último momento, deu a volta, mercou máis cousas e entregóunolas. Hai de todo».

As caixeiras do supermercado están implicadas no proxecto e son elas mesmas as que, en ocasións, recollen en bolsas aparte as doazóns para entregarllas a Ramón e Cristina.

Os voluntarios fan unha primeira clasificación en caixas: comida para bebés, pastas, aceite... e explican que os produtos máis útiles son os non perecedoiros, por suposto, e tamén os precociñados. «Porque moita xente non ten medios nin para acender o lume». Así que as conservas de peixe, de carne e vexetais, xunto cos leites e aceites son un ben prezado nestes carros solidarios. Hoxe, sábado, volverán formar parte do decorado de gran parte dos supermercados da provincia. Son o gran de area ourensán á «Gran Recollida 2015» do Banco de Alimentos de España. O obxectivo: acadar mil toneladas.