«En Forxas fixemos pezas para os motores de Barreiros en Cuba»

OURENSE CIUDAD

Antonio Pereiras Penabad na Pena Vixía, o espazo no que vive e fai xuntanzas para os amigos.
Antonio Pereiras Penabad na Pena Vixía, o espazo no que vive e fai xuntanzas para os amigos. miguel villar< / span>

Pioneiro na aposta polo casco histórico, comezou a restaurar casas en 1988

13 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha carta dos irmáns Barreiros convertiu en ourensán militante a Antonio Pereiras Penabad. Nunca na cidade estivera cando recibiu a comunicación dos promotores de Baorsa (Barreiros Ourense) na que o convidaban a vir facer unha entrevista de traballo. Estamos falando do ano 1973 e Antonio Pereiras lembrao como se fose onte mesmo: «Os Barreiros foran nutrirse de xente especializada a diferentes institucións, empresas e escolas. A min descubríronme en Madrid. Alí cursara FP no ramo de Matricería e gustoulles o proxecto que fixera: unha máquina que era un cortador de terminais. Entón un bo día recibín unha carta na que me propoñían vir a ter unha entrevista». O sangue novo impúxose e cando saiu da casa familiar en Muras co Seiscentos despediuse dos pais sen moito convencemento: «Vou ás Festas do Santiago ás Pontes e logo xa tiro para Ourense para ver como é aquelo». Ao mozo Pereiras Penabad entrevistouno Martín Amaro, xefe de persoal da empresa, e ao rematar o breve encontro díxolle que podía empezar a traballar ao día seguinte. «Non, ata que remate o verán non veño. Se quere ben e senón tamén. E el respostoume ?Tan pronto pueda?», rememora con claridade.

Lembra Antón Pereiras Barreiros Ourense e Forxas, el xa non chegou a etapa de Galfor e prexubilouse logo de 25 anos na empresa, como unha fase moi importante na súa vida: «Eramos uns seiscentos traballadores e facíanse todos os compoñentes de automóbiles, e tamén para camións. E material bélico, fundamentalmente proxectís».

A guerra, unha mina

Proxectís e pezas para carros de combate tiveron o seu protagonismo nalgún tempo. A época dourada foi durante a guerra Irán-Iraq: «Non se vendía directamente, pero os intermediarios comercializaban coas dúas partes. E non se daba abasto, ata tal punto que había que subcontratar con talleres». Pereiras tamén lembra que nunha das visitas regulares que facían os irmáns Barreiro -«Eduardo e Celso eran os que máis viñan por alí»- veu con eles unha persoa que non coñecían «e logo foi cando nos enteramos que era o general Torrijos» e os tempos en que se elaboraban compoñentes para o promotor do proxecto inicial: «En Forxas fixemos pezas para os motores de Barreiros en Cuba. Era cando Eduardo estaba alá e traballaba nos seus novos proxectos. E de aquí ían moitas pezas».

A prexubilación convertiuno nun home hiperactivo: foi pioneiro na aposta polo casco histórico comprando casas para a súa rehabilitación -«cando merquei a que é a miña vivenda, en 1988, dícianme que estaba tolo por irme meter ao medio da droga e a prostitución»-, colaborou na posta en marcha do museo da cornamusa -ao chegar a Ourense foi aprender a tocar a gaita na escola de Brañas e comezou a colección coa gaita do seu pai- e nos últimos tempos está centrado na reconstrución de máquinas da época romana que todos os anos leva ao Arde Lucus como membro da Cohors III e na rehabilitación de casas en Bentraces.