«Vou crear un museo de arte rural, aberto á pedagoxía e á formación»

OURENSE CIUDAD

Antonio Cortés

O centro estará nunha casa que está rehabilitando en Castrelo de Miño

26 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Nito Contreras trouxérono ao mundo en Cartelle, mais a esencia deste creador de sentimentos en forma de esculturas é ribeirá. En Ribadavia pasou os anos que o poeta delimitou hai tempo como os da patria da infancia, e na capital do Ribeiro o fillo do xastre decatouse da súa querencia pola arte -poñía os debuxos no escaparate da xastrería e cos cartos que lle daban os veciños que os mercaban ía ao cine-, pola música e pola cultura en xeral. As inquedanzas seguiron cando se foi para o seminario, e no Ourense daqueles anos frecuentou os movementos culturais da época, relacionouse con Carlos Casares e antes de buscar novos horizontes tivo tempo de crear cos amigos Cantigas de Ourense.

A amizade marcou a vida do escultor: cos seus amigos do seminario foise a estudar Filosofía a Madrid e logo marcharon a Italia. Na Universitá Gregoriana de Roma formouse en Estética e alí desenvolveu a súa vida familiar e profesional.

Nunca perdeu o contacto co Ribeiro e con Ourense, aínda que nos últimos anos foi desenvolvendo proxectos que o trouxeron de volta. Algo que el xa sabía que tiña que pasar cando en Roma lle comentou a Chillida as súas inquedanzas pola natureza: «E el respostoume: ?Vaite a Galicia, alí xa o tes todo?». No verán do 2010 amosou o seu traballo no Simeón, o proxecto A paisaxe en fragmentos, no 2012 fixo xunto ao fotógrafo Santi Barreiros Naturalmente: Fotoesculturas (Galería Visol) e antes, 2011, creara o cartel da Feira do Viño do Ribeiro.

Entre Roma e Ourense

O artista divide o ano entre a súa casa da cidade italiana e a famlia, alí están os seus fillos, e Ourense. Mantén o espírito en loita cos convencionalismos e os clixés sociais e á hora de escoller un espazo da cidade co que identificarse non o dubida: a Praza de San Marcial. Para Nito Contreras é un mundo diferente: «Dende dous aspectos, o urbanístico-xeográfico e o antropolóxico-social» e considera o lugar o límite entre a cidade especulativa e convencional -a que queda hacia a Praza Maior e a zona nova- e o Ourense que están a construír os mozos, as parellas que viven nas rúas da zona e os colectivos que pensan diferente. Aquí hai autoxestión, teatro, música... é un espazo vencellado á creatividade, á convivencia e a liberdade». Devece polo Grândola e senta na cadeiras do local que ocupan a praza lembrando a función de ágora que cumpre.

En movemento

O vitalismo de Nito Contreras manteno en actividade constante. Segue a traballar para crear as grandes pezas vencelladas á natureza galega e anda metido nun gran proxecto a cinco anos: «É algo grandioso. Vou crear un museo de arte no rural, un museo aberto á pedagoxía, onde podan acudir os nenos a familiarizarse e formarse artisticamente. Onde haxa conferencias e outras actividades. Estará nunha casa familiar que estou rehabilitando en Castrelo de Miño».