«Por moito que intenten disimular isto é un todos contra o Partido Popular»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

Sobre o BNG: «Se alguén minte en campaña, minte na súa vida e ós cidadáns»

22 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para Jesús Vázquez Abad, Ourense atópase ante un labirinto con dúas saídas. A da maioría absoluta do PP, que as enquisas dan como improbable, ou o desconcerto e a inestabilidade das coalicións e os pactos. Nega negociacións para chegar a acordos con Democracia Ourensana e cre que un dos seus avais é o sucedido nos últimos oito anos: «En ningunha cidade pasou o que sucedeu en Ourense. Vaia a Santiago, A Coruña ou incluso a Lugo ou Pontevedra é verá actividades e obras. Aquí non».

-Conclúe a campaña, ¿con que sensacións chega á recta final?

-Foi subindo en intensidade de contactos. Houbo moito menos márketing e foi máis frío ao arrancar, pero chegamos con moitísimo positivismo e con gran receptividade por parte da xente, que está a demandar un cambio.

-Valóreme os oitos anos dos que vimos no Concello.

-O balance é moi negativo. Non é novo e toca pasar páxina e abrir unha porta á ilusión e á esperanza de que o sol volva brillar nesta cidade.

-O seu discurso de positivismo contrasta coa oposición que fixo Rosendo Fernández, ¿compártea?

-Pódolle dicir unha cuestión. O papel que lle tocou facer na oposición é moi difícil. Cando alguén enfronte non quere dialogar é moi difícil facer oposición, tamén cando hai unha xudicialización constante. Pero voulle dicir que o PP tendeu a man, por exemplo, no plan de obras deste ano. Senón chega a ser polo PP, os enfrontamentos do goberno provocarían a paralización dese e outros proxectos.

-Falaba esta semana o alcalde en V Televisión de que no PP de Ourense tamén había fracturas entre o partido de Feijoo e o partido de Baltar.

-(Sorrí) Cada un intenta escorrer o vulto falando dos demais. O PP é único e estamos unidos no partido e a xente ve un grupo unido que vai tomar as rendas desta cidade e que vai traballar con honradez e honestidade para quitar as malas noticias cada vez que hai un pleno.

-Se aceptamos esa hipótese que plantexaba Agustín Fernández, ¿vostede en que PP estaría?

-Non existe esa división. Eu estou no de Jesús Vázquez Abad.

-¿É un todos contra o PP?

-Iso é coñecido de antemán. Por moito que se intente disimular é un todos contra o Partido Popular. A única alternativa que temos é a de obter a maioría absoluta para poder gobernar.

-O BNG asegura que hai un pacto cerrado entre PP e DO. Incluso fala de reunións para pechalo.

-Non entendo porque a xente non fala do seu programa e intenta seguir apartando máis a clase política da cidadanía. Nós dixémolo ben claro, nós so pactaremos co noso programa. Somos conscientes de que ninguén quere pactar con nós, pero a man ímola a tender pero nunca para intentar repartir o Concello como unha torta. Trátase de xestionar os recursos dos veciños e non de repartir e dividir o Concello en dous, ou esta vez en tres ou en catro. Que teríamos, que facer tres ou catro sede novas para cada partido. A xente ten que ter claro que si a partir do día 24 o PP non pode gobernar, a cidade entrará na uci en estado moi grave, porque volveremos a falar doutra paralización de catro años, e xa serían doce.

-Entón non negociaron con Jácome o pacto como di o BNG.

-En política non todo vale. Se alguén minte nunha campaña, minte na súa vida persoal e minte despois aos cidadáns.

-¿Cal sería a súa folla de ruta de non alcanzar a maioría?

-Estou convencido da maioría, porque a xente sabe que de non tela a cidade correría perigo. A situación contraria á maioría do PP sería perigosa para esta cidade. Outras forzas están pendentes do día 25 para facer un programa en función dos seus intereses. O único programa claro é o de Jesús Vázquez.

jesús vázquez abad candidato del pp de ourense

«¿Foster? Xa vimos as consecuencias da Cidade da Cultura con outro proxecto famoso inacabado»

Programa, programa e programa. Esa é a receita que quere impor Jesús Vázquez. O folleto con 200 propostas «realizables» acompáñao alá onde vai e non dubida en mostralo cada vez que ten ocasión. É máis esquivo cando se fala de proxectos concretos.

-¿Aprobarán o PXOM que deixa o PSOE cociñado ou farán un novo?

-Necesitamos dialogar. Ver que parte se pode aproveitar e cal se ten que mellorar. Temos que tratar, non so que volva á exposición pública senón que somos partidarios de tratar os cartos públicos con máxima eficacia. É un plan pouco ambicioso, porque descarga noutras administracións as grandes inversións.

-¿Cal é a postura do PP sobre as expropiacións nas Burgas?

-Non nos opoñemos á expropiación, pero ten que ser un proceso consecuente e ben levado para evitar problemas, como o que está a pasar no solar do centro de saúde do Couto. Si temos unha xoia por explotar como é o termalismo, mimémola, porque senón aquilo seguirá paralizado dentro de catro anos.

-¿Reiniciará o proceso?

-Falaríase para ver as posibilidades de levar a cabo de maneira que non paralice o desenvolvemento termal.

-Sobre o AVE,¿ defenderá como fai o actual alcalde o proxecto de Foster a estación intermodal?

-Plantexarei unha entrada de AVE práctica e eficiente ante todo. Parece que todo se centra nun edificio que nos pode saír fora do contexto actual. Vimos como pagamos as consecuencias da Cidade da Cultura, con outro proxecto famoso que quedou inacabado.

-Pero xa hai un proxecto elixido nun concurso, ¿vaino defender?

-Imos ver. Foster si, Foster non. O que eu digo é estación de AVE si, que sexa realizable e acorde as necesidades. Temos que liderar ese proxecto.

-Non me queda claro se Foster si ou Foster non.

-Pois queda clarísimo. O primeiro que temos que facer é ver coas outras administracións se lideramos o proxecto. ¿Temos que recordar os macroproxectos incumpridos como o trolebús do PSOE ou os menús de Ouro?

¿De non ser alcalde de Ourense será o líder da oposición?: «Por suposto»

Molesto cos que o chaman paracaidista, Vázquez Abad prefire manterse lonxe da bronca. A veces, parece que lle costa.

-Vostede fala do seu amor por Ourense, ¿dóelle que o definan como un paracaidista?

-Os insultos non entran dentro da miña campaña. Eu non insultei. Nestes días sufrimos ataques na cartelería e insúltannos a través das redes sociais pero nós non entramos nese xogo.

-¿Volverá ao Parlamento se ten que facer oposición?

-Eu adquiro un compromiso, e o compromiso é defender este programa.

-¿De non ser alcalde de Ourense será o líder da oposición?

-Por suposto.

-Feijoo fala nesta campaña de pedir o voto moderado para evitar a entrada de radicais nos concellos. No caso de Ourense, ¿a quen lle poría esa etiqueta?

-Non me gusta etiquetar a ninguén. Eu traballo para que volva a normalidade a Ourense e haxa un goberno estable.

-¿Pero a quen cre que se refire?

-Terallo que preguntar vostede ao presidente, en todo caso.

-Falábase de que a relación persoal entre vostede e o candidato do PSOE facilitaría unha campaña branca. Finalmente non foi así, ¿síntese decepcionado con Vázquez Barquero?

-Digamos que me sorprendeu. Non vou falar de decepción pero si de sorpresa en certos detalles. Eu fun correcto con todos, pero cada proposta nas redes sociais son 50 os insultos que recibimos.