-¿Desenvolveron algún outro?
-O sistema geneCBR desenvolveuse para o Complexo Hospitalario Universitario de Salamanca; é de razoamento baseado en casos, permite o diagnóstico de distintos tipos de cancro empregando información de microarrays de ADN; permítelle ao oncólogo tomar decisións no tipo de cancro que ten un paciente baseándose en datos de tipo xenómico doutros casos, compárase o ADN do paciente co doutros pacientes que xa foron clasificados. Esta ferramenta permite saber que outros pacientes son máis similares co seu caso, pero a nivel xenómico, cunha lupa de moita precisión.
-Parece un traballo para estar satisfeitos.
-Hai que dicir que non todos son casos de éxito nin sempre existe recompensa; eu falo de ferramentas que foron desenvolvidas nun período longo, nos últimos 10 anos. Ademais, habitualmente, o persoal sanitario non se fía moito cando comezamos unha colaboración, o cal é normal porque eles xogan con vidas humanas e nós, con números, así que, cando un clínico deixa de preguntar cousas de como funciona o que facemos e pregunta como imprimir, entón é que xa está rematado o programa.