«Ou navegamos todos xuntos ou PP e PSOE afunden o barco»

OURENSE CIUDAD

Santi M. Amil

A secretaria local de Compromiso por Galicia aposta por confluír coa «marea» Ourense en Común nas municipais

11 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os militantes de Compromiso por Galicia deciden mañá en asemblea se a formación galeguista vai ás eleccións de maio en solitario ou integrada na «marea» Ourense en Común. Ana Bande defende esta última opción. Ela é a secretaria local de CxG, un cargo ao que accedeu hai dous anos e para o que acaba de ser reelixida.

-¿Como valora a evolución do partido neste tempo?

-Positivamente. A nivel local creo que nos fomos introducindo e dándonos a coñecer tanto a nivel de barrios como de asociacións.

-Pero electoralmente, os resultados non acompañaron, ¿non si?

-Non, a verdade é que sentimos que hai xente que ten cariño por nós pero non acabamos de callar non electorado todo o que nos gustaría.

-¿Como se pode corrixir iso?

-O sentir meu e creo que o dos compañeiros da asemblea é que é o momento de ser moi xenerosos e de estar en todos os espazos que a xente percibe como cambio. Os modelos de sempre están obsoletos e hai que renovar.

-¿É iso Ourense en Común?

-Tivemos dúas asembleas e o sentir ía un pouco nesa liña. Temos agora una asemblea definitiva e aí se decidirá. O que temos que ter en mente é que ou navegamos todos xuntos ou os piratas de sempre, o PP o PSOE, afunden o barco.

-Hai a quen le resulta pouco crible esa xenerosidade dos partidos renunciando ás súas siglas. ¿Como convencería ao cidadán de que non é unha coalición disfrazada?

-É complicado. O que pasa é que vivimos nun momento convulso e os partidos políticos nas eleccións pasadas levaron boas labazadas e, como non se escarmente diso, conseguimos o que che acabo de dicir antes, que os piratas afundan o barco. E non queremos iso.

-Para un partido centrado como é CxG, ¿como será a convivencia na «marea» con formacións máis escoradas?

-Se os obxectivos comúns son eliminar a corrupción, traballar duramente polos servizos sociais, loitar contra o desemprego, contra o envellecemento [...] eu, adiante, traballarei con eles.

-O seu coordinador provincial, Xosé Manuel Pérez Bouza, preferiría non ir coa «marea».

-Si, pero a directiva de Compromiso por Galicia deulle plena autonomía ás localidades para que cada unha delas nas súas asembleas locais poida decidir como quere concorrer.

-El di que CxG obtería representación indo en solitario. ¿Coincide con el?

-Non, creo que neste momento sería complicado.

-¿Como valora a situación política actual do Concello?

-A corporación está tan preocupada polos seus problemas internos que se despreocupa por atender os problemas desta cidade.