«O Premio da Cultura Galega é o recoñecemento a unha traxectoria»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

Antonio Cortés

O responsable do colectivo lembra a implicación co proxecto dende 1941

11 ene 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

Francisco Fariña Busto (Ourense, 1949) recollía en decembro o Premio da Cultura Galega 2014 concedido ao Grupo Marcelo Macías na modalidade de Patrimonio Cultural. As distincións naceron para recoñecer a excelencia creativa e a difusión cultural.

-¿Como se valorou o galardón?

- O premio ao grupo recíbese con agradecemento e como o recoñecemento dunha traxectoria e da implicación de moita xente durante moitos anos. E do compromiso e da continuidade a prol do Museo Arqueolóxico e tamén do Arquivo Provincial.

-¿Cando nace o colectivo?

-O grupo inicialmente nace en 1941, aínda que hoxe somos unha asociación cultural segundo a normativa vixente, o que obrigou a unha refundación -creo que en 1982- para adaptarse ao novo marco legal.

-Creouse da man de Ferro.

-Por mor da guerra e da restruturación legal, o Estado faise cargo do Museo. Daquela a Comisión de Monumentos, que fora quen o creara e quen o xestionaba, queda un pouco arrumbada. En 1941 Ferro incorpórase en Ourense e tivo a intelixencia de integrar aos membros da Comisión de Monumentos ás labores do museo, algo por outra parte lóxico porque eran os que o crearan e quenes o xestionaban.

-¿O boletín é o sinal de identidade do Grupo Marcelo Macías?

- A comisión xestionaba o museo e editaba un boletín. A creación do Grupo Marcelo Macías supuxo a continuidade e a edición do Boletín do Museo Arqueolóxico. Logo as circunstancias, que daquela si que eran críticas, levaron á desaparición do boletín. Foi en 1971 cando se volveu a poñer en marcha grazas a unha axuda da Fundación Barrié. E ata hoxe.

-Con corenta e catro volumes editados.

- E a piques de sacar o novo número. Eso supón a continuidade dese esforzo inicial e a formación de novas xeracións de xente que se vai incorporando, que se implica no proxecto e que comparte os seus coñecementos e investigacións, de xeito totalmente altruísta, con todos os ourensáns para que coñezan o seu patrimonio, a evolución histórica e moitos outros aspectos.

-¿As guías do patrimonio complementan o boletín?

-Cando eramos mozos e tiñamos moito entusiasmo fomos á Caixa Rural a expoñer unha proposta para facer unha serie de publicacións para que fosen empregadas como guía de visita de monumentos ourensáns. Nicolás Diéguez Gullón acolleu con moito interés a nosa idea e aí naceu unha serie na que xa levamos publicadas doce guías para visitar espazos que van dende Pazos de Arenteiro a Santa Mariña de Augas Santas, pasando polo parque de San Lázaro ou o Hospital da Trinidade.

-¿En que proxecto traballa actualmente o grupo?

-Estamos con dous anexos do boletín: un estudo sobre un edificio singular da cidade e outro sobre un persoeiro moi significativo do século XIX que estivo vinculado ao pazo de Fontefiz, Pedro Ventura de Puga.

«A xente ímplicase no proxecto e comparte o seu traballo de xeito altruísta»

«Traballamos nun estudo sobre un edificio da cidade e outro sobre Pedro Ventura de Puga»