«Podería debuxar de memoria cada pedra de Porta Faxeira»

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

SANDRA ALONSO

Leva dende os 14 anos alí apostado cos seus postos de castañas e xeados

29 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos composteláns hai que non sucumbiran ás castañas ou xeados de Manolo Prieto. Este veciño dos Concheiros leva adozando a vida aos transeúntes en Porta Faxeira dende os 14 anos. Despois de case medio século alí apostado, asegura que «podería debuxar de memoria cada pedra» da praza e non cambiaría de profesión, nin tan sequera pola de alcalde.

O corpo teno xa curtido contra o frío ou a calor e, aínda que as altas temperaturas se levan peor, o seu é o trato co público. Ten atendido a rapaciños sendo novo que agora van cos seus fillos, conta con voz tenra. Precisamente é ese trato familiar que se respira no casco vello o que máis lle gusta da cidade. Recoñece mesmo que, nos dous meses de parón que hai entre os xeados e as castañas, ás veces sinte a necesidade de volver a Porta Faxeira. «É o meu hábitat», afirma.

Cando empezou a vender alí aínda circulaban os coches pola zona monumental e había un garda municipal dirixindo o tráfico na praza que facía a vista gorda para aparcar por un ratiño, relata. Manolo abandonou os estudos para axudar a seu pai na venta de castañas e aínda recorda o seu paso polo «colexio da Manca» (como era coñecida a escola que dirixía unha mestra manca na rúa do Medio), no que imperaba a lei da regra e «da estopa».

Antes de que chegara o pai de Manolo a Santiago había mulleres que facían as castañas a pé de rúa nunha tarteira cun bidón de butano, pero foi el o que introduciu a primeira locomotora de castañas na cidade. «Chegou no ano 1947 á estación de tren con 15 pesetas no peto e un carriño que lle encargou a un ferreiro imitando un que vira en Ourense» e xubilouse con máis de oitenta anos, conta con orgullo nos ollos o seu fillo, agora maquinista daquela mesma locomotora.

Pasou por moitos arranxos, mesmo acabou perdendo o nome de Santa Fe, que no seu día lucía no morro. Pero o maior avance que incorporou Manolo, a este e aos outros carriños que ten, foi un motor que el mesmo instalou hai uns oito anos para aforrar traballo nos case catro quilómetros diarios que percorre para ir e volver dos Concheiros a Porta Faxeira. «Sempre fun bastante mañoso», explica. Aínda que cumprida a maioría de idade fixo Electrónica e Electricidade, de cativo xa se construíu el mesmo o seu primeiro carriño de caixas de bolas co que baixaba a todo correr polos Concheiros. Daquela a calzada era de cemento e lisa, di. Logo chegaron as lastras para dar a benvida aos peregrinos e máis animar a condución.

As anécdotas que veu Manolo en Porta Faxeira danlle para escribir un libro. «Hainas case a diario», di cun sorriso nos beizos. E, a forza de atender a estranxeiros na tempada estival, tamén aprendeu a defenderse en varios idiomas. «Debe ser o hábito, pero de seguida doume conta se é un holandés, danés, sueco ou noruegués pola forma de pronunciar e, nos últimos tempos, tamén identifico aos rusos e ucraínos», asegura. O que nunca esquecerá é o día que confundiu a un xudeu cun árabe: «Acababa de ser a guerra dos Seis Días e ofendeuse comigo que pensei que me tiraba co carriño», lembra.

Con xeados ou con castañas, o carácter faladeiro e sempre cordial de Manolo é o xarope que fai especial cada barquillo e canudo.

Compostelanos en su rincón manolo prieto

Manolo Prieto Álvarez

62 anos

Xeadeiro e castañeiro