«Creo que a miña obra se inscribe na tradición luguesa»

Eyré publicará en breve un libro de relatos curtos galardoado co premio Risco


CHANTADA / LA VOZ

No primeiro trimestre do ano próximo será editado o libro de relatos A verdade nos espellos, do escritor chantadino Pablo Rubén Eyré, galardoado en Ourense na última edición do premio Risco de creación literaria. Eyré leva moito tempo dedicado á literatura, pero ata agora foi pouco pródigo á hora de publicar. É coñecido sobre todo polas súas obras poéticas aparecidas en diversas revistas e antoloxías.

-¿Como caracterizaría esta primeira obra narrativa?

-Creo que se inscribe en certo modo na tradición literaria luguesa, pero fuxindo do ruralismo de Ánxel Fole e desconectándose da fantasía de Álvaro Cunqueiro, aínda que bebe de ambas fontes. Hai unha mestura entre realidade e fantasía, pero non é propiamente literatura fantástica. Algunhas historias falan do mundo rural, pero tratan de fuxir do ruralismo que se ve nas obras de Fole dunha maneira destacada.

-¿As súas historias sitúanse nas terras chantadinas?

-Hai contos que teñen que ver con esta terra, pero hai tamén outros que están ambientados noutros lugares, como Ourense, Santiago... Os relatos tampouco se sitúan nunha mesma época. Hai algúns que falan dos tempos da posguerra, outros dos anos oitenta -precisamente foron escritos nesa época- e outros son moi recentes e aluden á crise que estamos padecendo actualmente.

-¿Hai algún vínculo ou fío condutor que relacione todas as historias do libro?

-Nos libros de contos é habitual buscarlles un fío común, pero neste caso penso que non o hai. Se teñen algo en común pode ser o idioma en que están escritos. E talvez algunhas coincidencias temáticas, como a soidade, o afán de busca que ten o home...

-A narrativa breve é un xénero moi cultivado na literatura galega. ¿Que o que máis lle interesa neste xénero como lector?

-As letras galegas destacan especialmente pola súa tradición lírica xa desde os séculos XII ou XIII, pero non hai dúbida de que conto tamén ocupa un espazo moi importante. Eu valoro especialmente a obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, que para min é un dos mellores autores de contos non só de Galicia, senón a nivel mundial. Tamén hai referentes moi importantes entre outros autores máis novos, como por exemplo Xosé Miranda. En xeral, creo que a narrativa culta en Galicia está á altura de calquera literatura do mundo.

-¿Ten algún outro proxecto literario en marcha?

-Sempre quixen escribir un libro sobre o mundo rural galego, pero desde unha perspectiva interior. Ou sexa, contado desde o punto de vista de alguén que viviu ou vive realmente na aldea. Nas letras galegas hai obras que tratan sobre o mundo rural, pero penso que ese mundo é enfocado xeralmente desde un punto de vista urbano. Pretendo escribir unha obra con esta idea e xa teño o traballo comezado, xa hai algunhas historias escritas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

«Creo que a miña obra se inscribe na tradición luguesa»