Ignacio Vilar cre que «A Esmorga» coincide co proxecto que desexaba Blanco Amor

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

O director presentou a película en Ourense xunto cos actores e Victor Freixanes, de Galaxia

14 nov 2014 . Actualizado a las 19:32 h.

O realizador galego Ignacio Vilar presentou hoxe en Ourense a película «A Esmorga», cinta que será estreada mañá na gala inaugural do Festival de Cine Internacional de Ourense e que chegará ao circuito comercial o vindeiro día 21. Os actores protagonistas do proxecto -Antonio Durán «Morris», Miguel de Lira e Karra Elejalde-, o editor Víctor Freixanes -Galaxia é a propietaria dos dereitos de autor da obra de Blanco Amor- e o alcalde da cidade, Agustín Fernández, participaron na presentación. Vilar lembrou o esforzo que supuxo rodar «A Esmorga», con xornadas de traballo de once e doce horas e cunha climatoloxía propia do escenario que narra a novela, referiuse á implicación total e absoluta dos protagonistas -o vasco Karra Elejalde empregou o galego en toda a rodaxe- e ao feito de que a cinta se comezou a rodar en xaneiro «e fomos capaces de lograr que, uns meses despois, a película estea preparada para a apertura do Festival de Cine de Ourense, un escenario idóneo para que se coñeza o resultado final e un honor para nós que sexa unha cinta galega a que abra o certame». Os actores foron narrando a súa experiencia nunha rodaxe tan esixente e Antonio Durán «Morris» recoñeceu que lle tiña medo ao papel, un temor que estaba vencellado á forte presenza que ten a novela de Blanco Amor en Galicia e ao imaxinario que os galegos teñen coa mesma e os seus protagonistas. No remate do acto, Ignacio Vilar leu unha carta de Eduardo Blanco Amor, datada en 1978, na que recoñecía que non quedara satisfeito coa versión de Gonzalo Suárez (que levou a novela ao cine co título «Parranda») e que estaba convencido de que chegaría un día en que sería capaz de levar o proxecto adiante en Galicia, con actores e directores formados aquí, e en galego. Segundo o director, ese momento chegou e «A Esmorga» é o proxecto que desexaba Blanco Amor.