O CDG abrirá a temporada coa estrea de «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas» en Ourense

X. M. R. / OURENSE

OURENSE CIUDAD

Antonio Cortés

O conselleiro de Cultura reivindicou a faceta de Carlos Casares como autor teatral na presentación da obra

30 sep 2014 . Actualizado a las 21:16 h.

O Centro Dramático Galego abrirá a temporada coa reposición da montaxe «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas». A estrea da nova obra do CDG será o día 3, no Teatro Principal de Ourense, e esta mañá procedeuse á presentación da montaxe. Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, salientou a implicación do seu irmán no compromiso de buscar novos lectores para o galego a través do público infantil e o director do CDG, Manuel Guede, lembrou o compromiso de Casares co teatro, dende a presidencia do Consello da Cultura Galega, e como dende a dirección do CDG el decidiou hai dez anos montar a primeira versión da obra como homenaxe ao escritor, que falecera dous anos antes, e á súa aposta por normalizar a escea galega. O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, reivindicou na presentación da nova montaxe o papel de Carlos Casares como autor teatral, salientou que máis de 750 alumnos poderán ver a montaxe (nas sesións escolares programadas para mañá e pasado) e o feito de que a maior parte dos actores proceden da canteira creada coas promocións da Escola Superior de Arte Dramática. Antes de rematar o ano, «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas» pasará por dez localidades galegas.