Cultura edita unha guía de visita para o parque da cultura castrexa

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

A publicación inclúe tamén un achegamento histórico aos castros galegos

31 jul 2014 . Actualizado a las 07:15 h.

A Consellería de Cultura presentou onte en San Cibrao de Las a guía de visita do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa. No acto no que se diu a coñecer a publicación participaron o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Xesús Vázquez Abad e Anxo Lorenzo respectivamente, e a responsable de Patrimonio do departamento, Carmen Martínez Insua. Os alcaldes dos concellos sobre os que se asenta o recinto, os de San Amaro e Punxín, e o director do parque e do Museo Arqueolóxico de Ourense, Xulio Rodríguez González, tamén estiveron no acto.

Xesús Vázquez Abad definiu a guía como «unha pequena enciclopedia da cultura castrexa» e salientou o feito de que a maiores dos contidos propios sobre o parque de San Cibrao de Las, e a guía para visitar o castro, a publicación ofrece un amplo material e información a cultura castrexa en Galicia, as paisaxes, os elementos definitorios dun castro, os escenarios onde se desenvolvían as actividades e a vida, a simboloxía e como foron evolucionando estos espazos que forman parte «do noso legado histórico». Amosouse convencido o titular da Consellería de Cultura de que a publicación «e un directorio no que se encontra representada a nosa raíz remota e no que se dá resposta a un interese cidadán polo patrimonio galego que está en constante crecemento».

Reconstruir a porta de Laias

Vázquez Abad aproveitou a presentación da guía para anunciar que Cultura destinará 23.000 euros á «recomposición da porta do castro de Laias», iniciativa que servirá para dotar ao recinto de San Cibrao de Lás «dun novo elemento de atracción e dunha nova peza expositiva de interese didáctico». A porta de acceso ao castro de Laias (Cenlle) viuse afectada polas obras de construcción da Autovía das Rías Baixas, o trazado coñecido como a A-52.

O director das instalacións de Lansbrica, a cidade castrexa de Las, sinalou que a publicación da guía é «un paso máis na posta en valor do patrimonio e da cultura castrexa de Galicia, e de San Cibrao de Las en particular». Xulio Rodríguez González incidiu no feito de que a obra servirá aos visitantes, ademais de coñecer polo miudo Las, como instrumento para achegarse á realidade do importante patrimonio existente en Galicia e para adentrarse na problemática da arqueoloxía.

Grupo Marcelo Macías

Lembrou que a obra dá continuidade ao traballo feito no seu día polo Grupo Marcelo Macías, responsable da edición da anterior publicación sobre o castro.