Xaquín Lorenzo foi, no 2004, o último ourensán ao que se lle adicou a cita

La Voz

OURENSE CIUDAD

17 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

A última vez que a Real Academia Galega tiña a Ourense como punto de encontro nun 17 de Maio o calendario andaba polo ano 2004. E o protagonismo era para Xaquín Lorenzo, Xocas (Ourense, 1907 - Lobeira, 1989).

Xaquín Lorenzo nacía na emblemática rúa da Paz, fronte da casa na que anos antes naceran Vicente Risco e Otero Pedrayo e cando comezou a súa andaina como estudante de bacharelato no Instituto de Ourense tivo como profesor, nos últimos cursos, a Otero Pedrayo. Cunha primeira etapa da súa vida marcada polos acontecementos familiares -morte do pai, estadía en Lobeira coa avoa, e logo a Vigo polo falecemento desta, e morte do irmán cando estudaban os dous en Zaragoza- Xaquín Lorenzo entrou no Seminario de Estudos Galegos e alí traballou arreo nas seccións de Etnografía e Folclore, dirixida por Risco, e na de Prehistoria, con Cuevillas como responsable. A súa participación na vida política galega -da Irmandade Nazonalista Republicán ao Partido Galeguista e a campaña a prol do Estatuto de Autonomía- provocaron a súa marcha do ensino público, pasando a formar parte do claustro de profesores do colexio privado Cardenal Cisneros, do que chegou a ser copropietario e director e no que se xubilou en 1981.

Os seus traballos etnográficos fixérono merecedor de distincións, premios e recoñecementos e o seu proxecto máis sobranceiro foi a posta en marcha do Museo do Pobo Galego.

Reivindicación de Ferro Couselo

Aínda que por cuestións de taxonomías, estatísticas e nacenza sempre se fai referencia aos dez ourensán que protagonizaron, ata o de agora, as Letras Galegas é de xustiza recoñecer o papel de Xesús Ferro Couselo (Valga, 1906 - Ourense, 1975). Ferro estableceuse en Ourense con pouco máis de trinta anos e aquí desenvolveu os seus grandes proxectos. Foi a figura das Letras en 1996.