Concertos en San Francisco con Díaz Castro e Zeca Afonso como protagonistas

OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

16 may 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

O Concello de Ourense leva días desenvolvendo actividades coas Letras Galegas e co autor ao que este ano se lle adica a festa da cultura de Galicia, Xosé María Díaz Castro, como referentes. Propostas que terán un maior protagonismo nas xornadas de hoxe e mañá, segundo a programación presentada onte pola concelleira de Cultura, Ana Garrido, e por Xosé Manuel Cid e Iolanda Otero, en representación da Asociación proCentenario de Nós 2020 -colectivo que organiza as actividades-.

Volve 2nafronteira

As propostas para hoxe desenvolveranse no claustro de San Francisco, a partires das 20.00 horas. Para as 20.30 horas está programada a actuación de 2nafronteira. O grupo formado pola ourensá Carme Penim e o italiano Maurizio Polsinelli editou hai unhas semanas o seu novo traballo, Uns zapatiños para Díaz Castro, e os temas do mesmo poderanse escoitar hoxe na cidade. 2nafronteira xa diu a coñecer os seus temas sobre autores galegos e creacións propias sobre o Couto Mixto na última edición do encontro deste colectivo. As 22.00 horas o protagonismo será para os 40 anos da revolución portuguesa, coa actuación de Terra Morena e o seu espectáculo Tocando Zeca Afonso. O 17 haberá un concerto da banda na praza San Martiño e lectura de poemas (12.00 horas), actuación do coro da universidade no Liceo (13 horas), coloquio no Centro Valente (19.00 horas) e teatro na área arqueolóxica das Burgas (20.30 horas).