Alumear o pan

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OURENSE CIUDAD

04 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Suso do Cabo naceu o 30 de abril, hai 54 anos. Esa noite, véspera do primeiro de maio, os veciños todos do val da Amaía saían alumear o pan. Vellos, novos, nenos, homes e mulleres botábanse aos campos portando fachos acesos, feitos de palla ou follato, e percorrían os camiños, de aldea en aldea, ciscando a cinza nos sucos recén semeados das agras e recitando: «¡Alumear o pan, para que Deus dea boa gran: espiguiñas coma dedos e grauciños coma peros!». Así lembra Suso do Cabo aquelas tardes primeiras da súa infancia, contra a noitiña, coa parroquia toda a bourear, chamando pola fartura da terra, que poucas semanas antes fora arada e semeada con trigo, millo ou centeo.

Aínda a semente non agromara. Aínda os campos estaban abertos. Aínda non había resposta da terra. Mais na cultura tradicional agraria, cada sementeira é unha aposta de futuro, un risco que se asume con traballo, con cálculo e con coñecemento: a tradición de saber como se han de facer as cousas, na memoria que transmiten os país e os avós. Ao contrario da cultura mariñeira, na que o mar sempre está aí, sempre é posible volver a el ao día seguinte, a aposta da cultura campesiña ten prazos moi concretos, períodos moi establecidos, que compre saber calcular e administrar. Fronte á cultura do mar, a cultura agraria é mais conservadora porque arrisca case todo a un carta: se lle sae mal a xogada (a colleita do ano) alá vai o negocio, que no tempo dos nosos avós era a subsistencia.

Suso do Cabo lembra a cerimonia de alumear o pan ata cando tiña seis ou sete anos. Logo viñeron outras técnicas, outras artes, outros modelos de produción, outras maneiras de entender o mundo, outros negocios. Pero el garda na memoria as primeiras noites aquelas do 30 de abril, xa na entradiña de maio, que cadra ademais co seu aniversario, os veciños todos a percorrer as agras recén semeadas. «Non había curas», advirte. «Nin autoridades. Era cousa dos veciños. Así o fixeron de sempre».