Amor flexible, riso frouxo

ARANCHA RODRÍGUEZ

OURENSE CIUDAD

Miguel Villar

18 mar 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

As comedias son un xénero para non tomar a risa. Mentres que os dramas adoitan funcionar, as comedias precisan algo máis que unha boa actuación para saír airosas e, desde logo, moito menos que unha posta en escena mediocre para precipitarse ao baleiro. Non é por tanto sorprendente que a comedia lixeira Amor flexible, presentada no Principal, pegase un sonoro batacazo a pesar das súas boas intencións. Non había nela un plantexamento ambicioso, certo, pero en moitas ocasións pretendeu pasar a barreira do mero chiste converténdose así nunha sorte de sketch televisivo de dúas horas que chegou máis ao ridículo que á gargallada.

Unha parella inconcibible cunha mala malísima e un tonto tontísimo, unha vella do 15-M cunha sexualidade menos discreta que a das protagonistas de Sexo en Nueva York, un plan previsible e chistes eróticos collidos con pinzas conseguiron facer de Amor flexible unha obra insatisfactoria. Se ben en ningún momento pretendeu acadar o gusto dun público selecto, incluso a súa liviana presentación podería ter sido aderezada con personaxes algo máis complexos e tramas máis elaboradas.

A interpretación dos tres actores que deron vida a esta irrisoria comedia non foi mala, destacando Guillermo Carbajo que conseguiu darlle os poucos puntos de interese a un simplísimo argumento. Acompañábano a tamén nova Tamara Canosa e Mela Casal, unha veterana da nosa escena á que resulta difícil imaxinar nun papel tan pouco estimulante como o de Piluca. A base de clichés e expresións manidas (moitas delas de dubidoso gusto e forte contido sexista) se desenvolveu esta comedia que puido comezar facendo rir en ocasións moi determinadas pero rematou empachando. Por se isto non fose abondo, a trama comezou a dar xiros estrambóticos, nos que mortes finxidas se mesturaban con doazóns de óvulos ou desaparicións de personaxes sen razón aparente.

Unha vez que a obra se presentara cun plantexamento sen intención satírica algunha, cabía esperar que o seu argumento se cinguise ao sinxelo e tentase saír o máis airosa posibler, pero foi a partir das súas ansias de esaxeración cómica que rematou por resultar incomprensible, estrambótica e repetitiva. Mágoa de actuacións e incluso de escenografía que cumpriu á perfección co seu versátil obxectivo. Tanto eles, como os esmerados actores quedaron soterrados baixo a hipérbole do humor.

crítica teatral

Amor flexible. Teatro Principal de Ourense, 15 de marzo.