As Xociviga non recibirán subvención de Cultura

OURENSE CIUDAD

O certame audiovisual do Carballiño non figura na relación de beneficiarios da Consellería para festivais audiovisuais

05 mar 2014 . Actualizado a las 07:10 h.

Trinta anos despois da súa creación, por iniciativa da Consellería de Cultura, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga) non recibirán axuda do departamento encargado da promoción da actividade cultural na comunidade autónoma. Cultura fixo pública onte a súa decisión en relación á convocatoria que sacou este ano para festivais audiovisuais galegos. E entre os beneficiarios das subvencións para festivais non figura o certame de O Carballiño.

É a primeira vez que Cultura fai unha «convocatoria pública de subvencións para festivais do sector audiovisual», para conceder por concorrencia competitiva as axudas para o 2014 a actividades a desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do 2014. Os proxectos que recibirán aportacións da Consellería de Cultura son o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, a Mostra de Cinema Periférico de A Coruña, o Curtocircuito de Santiago de Compostela e o Festival Amal, o certame de cine árabe de Compostela. No que respecta ás axudas a maior dotación irá para o Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui e ascende a 24.373,57 euros. O certame vén de ser recoñecido entre os certames audiovisuais máis influintes. O Festival de Cans levará una axuda de 20.660,81 euros e o S8 (a Mostra de Cinema Periférico de A Coruña) contará cunha aportación de 17.360,58 euros. As dúas convocatorias de Compostela levarán cantidades moi semellantes: 13.845,09 euros para o Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal e 13.750,95 euros para o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito.

Entre as condicións que figuraban na convocatoria estaba a de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas antes de publicarse a convocatoria e a comisión de valoración analizou ademais «a traxectoria dos festivais tomando en consideración datos relativos á súa programación, antigüidade, asistencia de público, repercusión nos medios de comunicación social, interese estratéxico para o sector e impacto económico e cultural no territorio onde se celebra, entre outros aspectos». As Xociviga, que se veñen desenvolvendo dende 1984, non figuran na relación de festivais.

Sen datos do OUFF

Outro dos certames que non aparece é o festival de Ourense, aínda que esta ausencia podería estar xustificada polas datas de celebración do OUFF (o pasado ano foi en novembro).