Xavier Casares: «Hai que recuperar a confianza dos cidadáns para saír da crise»

XOSÉ MANOEL RODRÍGUEZ OURENSE / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

MIGUEL VILLAR

Xubilado como pediatra, preside a Fundación Carlos Casares

30 jul 2013 . Actualizado a las 23:13 h.

A axenda de Xavier Casares Mouriño (Xinzo, 1946) está máis relaxada dende hai uns meses, concretamente dende o 10 de abril deste ano, data na que pousou a bata blanca para xubilarse. Recoñece con satisfacción que foron moitas as xeracións de ourensáns ás que atendeu como pediatra -botou 37 anos no CHUO- e lembra con orgullo a ilusión coa que se implicou no proxecto de creación do Hospital Materno Infantil; era o ano 1977. Foi catro anos director médico do centro sanitario, ata o traspaso de competencias do Insalud ao Sergas, e nos últimos tempos exerceu de xefe da unidade de Neonatoloxía.

Cando pensa no seu canto da cidade para a imaxe a decisión é sinxela: o CHUO. Concédese un segundo de dúbida, ¿ao mellor a praza Maior?, mais axiña resolve. Estudou Medicina en Compostela e desenvolveu a súa carreira profesional en Ourense, cunha estadía polo medio no Vall d?Hebron para formarse, por vontade propia: «Cando empecei podía ter ido a calquera hospital de España. Decidín quedarme en Ourense, comecei a traballar en Urxencías, mentras esperaba para facer o MIR, e logo especialicéime en Pediatría co meu mestre e amigo Martinón. E despois xa me impliquei no proxecto da creación dun Hospital Infantil, que non existía, porque era unha iniciativa moi atractiva e ilusionante».

Xavier Casares desenvolveu ao longo destes anos unha ampla actividade pública en eidos como a política -con cargos institucionais e orgánicos- e a cultura -no Liceo e noutros colectivos-, ademais de exercer como presidente da Fundación Carlos Casares. Da política recoñece estar tamén xubilado no que á primeira liña se refire, aínda que non do seu compromiso social e ideolóxico. Defínese como «observador» e apunta diagnóstico certeiro: «Todos os partidos políticos e as institucións están baixo sospeita e nós, como socialistas, non podemos tapar os ouvidos e facer como se nada pasara. Temos que reflexionar, dar exemplo e recuperar a confianza dos cidadáns para resolver esta crise económica e a que padece a propia democracia. É o que demanda a cidadanía».

No Liceo mantén unha participación e colaboración importante e dende a xubilación está a potenciar o seu papel na fundación que mantén viva a memoria do seu irmán Carlos Casares. En tempos de crise e recortes aposta por priorizar: «Non é boa época para as fundacións. Das actividades que desenvolvemos estamos moi satisfeitos coa faceta universitaria e a fundación potenciará o curso audiovisual de Celanova».

Non lle quita o sono o 17 de Maio -«O noso é espallar a figura e a obra de Carlos e se algún día lle adican as Letras Galegas nós encantados»- e disfruta, sen horarios nin compromisos, das veladas semanais na Tía Matilde cantando e tocando o clarinete ou o saxo.

Nacín en 1946.

Pediatra xubilado.