«A noite branca»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OURENSE CIUDAD

02 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Expertos con 'auctoritas' sobre os sistemas literarios falan da súa 'consolidación', e consideran mostra dela o existiren obras volumosas de autores con traza de seguir a facelas. En Galicia, nomes coma Queipo, Riveiro Coello ou Fernández Naval confirman que sesenta anos de novela a progresar en tamaño non supuxeron vans esforzos. A noite branca, do último mencionado, danos idea de como encher páxinas con 'economía de papel' sobre un aspecto da historia do país que raramente se tocara: a loucura que arrastrou a tantos 'voluntarios' ata a fronte rusa. Nese texto Fernández Naval logra un encaixe de gran romance ao que non se lle descobren costuras, mesmo levando a narración desde un Ourense con guerra e fuxidos á Habana de todos, para enlazar co manto da neve rusa tinxida de sangue.

A noite branca é unha obra de arte que obriga á continuidade no tema. ¿Mais só por parte do autor ourensán acoruñesado? Na Coruña hai outro novelista con deberes pendentes ao respecto xa que o pai foi un capitán de estado maior na División Azul. Quizais fose o oficial máis lonxevo entre os que alá foran, e faleceu en bo uso da súa memoria.

Chamábase Alfredo Bermúdez de Castro, capitán Bermúdez para os homes que loitaron con el (e contra el pois hóuboos que se pasaron ao Exército Vermello). Culto, refinado e intelixente, trouxo unha visión da atrocidade que paga o traballo dun gran relato. O seu fillo Ignacio -?de probada capacidade literaria- débenos un novo capítulo das Epopeas Galegas polo Mundo.