A Mostra de Ribadavia convoca o Premio Abrente «no ano de Bolaño»

ourense / la voz < / span>

OURENSE CIUDAD

23 may 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recuperou hai anos un dos sinais de identidade da súa historia: o Premio Abrente de textos teatrais. Unha decisión que reivindica a historia de Ribadavia dentro do teatro galego e uns tempos, os daqueles anos 70 e primeiros 80 nos que se convocou o premio nas súa primeira etapa, que foron esenciais para a creación do teatro galego. A MIT presentaba onte en Ribadavia unha nova convocatoria, a octava, do Premio Abrente para textos teatrais nunha cita na que participaron o alcalde, Marcos Blanco, e o director da Mostra, Roberto Pascual. Unha cita da que se salientou que se producía «no ano de Roberto Vidal Bolaño».

Como se lembra nas bases «coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega e por ser o teatro a actividade que maior incidencia e proxección histórica lle otorgou á ribadaviense Agrupación Cultural Abrente (1969 - 1983) o Concello de Ribadavia a través da Mostra Internacional de Teatro convoca, en lembranza daqueles Concursos de Textos Teatrais, a 8ª edición do Premio Abrente para Textos Teatrais 2013». Na convocatoria poden participar autores de calquera nacionalidade que presenten obras inéditas e nunca antes premiadas, «sempre que estean escritas na normativa oficial da lingua galega».

No concurso estabrécese un único premio, dotado con 3.000 euros, unha peza do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) e a publicación da obra gañadora. O Concello reservarase durante un ano os dereitos de edición e representación da obra.

Os orixinais a concurso, de tema e extensión libre, presentaranse por triplicado e o prazo de admisión de traballos a concurso remata o 1 de xullo. O enderezo ao que se deberán remitir as obras é o de Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Praza Maior s/n. 32.004 Ribadavia. Ourense.