«Non tentamos aportar respostas, senón xerar debate»

m.v. / v.m. / á.p. carballo / la voz< / span>

OURENSE CIUDAD

Ilmaquinario representa esta tarde en Carballo «O home almofada»

26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cunha longa traxectoria como actor Tito Asorey (Ourense, 1977), foi encamiñando nos últimos anos os seus pasos cara á dirección e o ano pasado, xunto a un grupo de compañeiros, formou a súa propia compañía Ilmaquinario, que esta tarde representará en Carballo (Pazo da Cultura, 21.00 horas, 3 e 4 euros), O home almofada, un thriller que respira humor negro.

-¿Por que decidiron debutar con esta peza en particular?

-Cando montamos a compañía buscamos unha obra de forte contido social, unha dramaturxia contemporánea que nos permitira un traballo interpretativo intenso e que conectara tamén coa xeración á que pertencemos os integrantes da compañía. Estivemos meses buscándoa e cando apareceu esta peza de Martin McDonagh non houbo dúbida. É un dos mellores textos dos últimos anos da dramaturxia internacional

-Na presentación dos Venres Culturais comentou que é unha peza arriscada. ¿En que sentido?

-É unha peza que xoga cun humor negro moi forte, como é normal no autor, e o risco vén dado pola mestura de comicidade e traxedia. O autor fala da violencia infantil, de malos tratos e da educación totalitaria cun humor fondamente escuro e, transitar esa liña entre a comiidade e a dureza é un risco. Nós abordamos a peza desde o cariño e a tenrura e por aí atopamos unha vía para manter esa liña.

-Na obra reflexiónase sobre a violencia na arte. ¿Que conclusión sacou vostede ao respecto?

-Falase da moral na arte e de que ata que punto un artista é responsable das consecuencias das súas creacións na xente. McDonagh é un autor coñecido pola violencia que desprega nas súas pezas e esta vén a ser case que unha contestación ás críticas que recibiu cando estreou outras das súas obras. No Home almofada fai un alegato de que o artista conta historias, non pode ser responsable, porque senón podería caerse na censura, pero de todos xeitos nós non tentamos aportar respostas, senón xerar debate.

-¿Como é dar os primeiros pasos para a compañía nun momento como o actual?

-É unha época moi complexa na que están pechando moitas compañías, algunha delas de longa traxectoria. A situación política e económica non axuda e os gobernantes tampouco están á altura necesaria para axudar a algo de gran importancia para a cultura, a identidade e a lingua galega, como é o seu teatro. Estano deixando morrer. Nós chegamos nun momento complicado, pero facémolo coa ilusión e a forza da nosa xuventude e coa experiencia da nosa formación e do traballo en outras compañías.

-¿Gústalle máis estar tras o escenario que sobre el?

-Sego sendo, evidentemente, actor, pero é certo que dun tempo a esta parte estoume dedicando máis a labores de dirección ou de axudante de dirección. Pero non se trata de compartimentos estancos. Como director, no traballo cos actores, o feito de selo eu tamén axúdame a buscar as estratexias que poidan funcionar mellor.

tito asorey director teatral