O libreiro vive en primeira persoa a evolución do sector dende 1968
24 feb 2013 . Actualizado a las 07:20 h.
ourensanos en su rincón librería tanco
manuel bugallo pereira
Houbo un tempo, lonxano ou non, según a escala de cada quen, no que Manuel Bugallo (Santabaia de Anfeoz, 1942) era o máis parecido a un tipo infalible. Riase o lector dos pentium e daquelas máquinas infernais dos primeiros tempos da era informática. O cliente que sabía de que ía aquilo, entraba e preguntaba por un libro dun autor que seica se chama algo parecido a (poña aquí o lector o que queira, un dicir, maqui, cando podía ser Mankell), ou por un cunha portada que lle dixeran era de tonos azuis cun sol ao fondo, un supoñer, e Manolo tiña resposta. Sempre acertaba. Ata se lle pedías un libro, sen máis, tamén ía ter resposta.
Empezou en Tanco no ano 1968. No Paseo. Aínda que naquel momento o forte da actividade era o traballo de imprenta, el xa quedou na parte de librería. Desde folletos ou papel con membrete ata sobres, invitacións, ou carteis de festas, Tanco era todo iso. Tamén se editou algún libro, pero non era unha actividade relevante. O seu era vendelos. Mesmo algúns importados, dos que a censura franquista consideraba que non debiamos ler, non fora ser que nos fixeran dano. Manolo, dunha maneira ou doutra, sabía o que había, o que estaba á vista e o que non. Tiña metidos na cabeza os cuarenta mil exemplares á vista e mesmo os que non tiñan na casa. Non se lle escapaba nin o primeiro.
-Manolo, quero...
-Ao fondo, á esquerda, terceiro estante, na parte de atrás.
Infalible. Alí estaba. Mítico.