A complicidade dos larpeiros

Os irmáns Rei Beiró manteñen en Fina Rei a tradición do doce alaricán


ourense / la voz

Allariz foi gardando o segredo dos mellores doces ao longo de séculos. De xeración en xeración foron pasando receitas, costumes, saberes e trucos para elaborar amendoados, tortas e a escasa améndoa de pico -25 días de traballo sen parar para producir pequenas cantidades (uns 5 quilos nese tempo)-, entre outros produtos. Houbo un tempo, non hai tanto, que a tradición do doce alaricán estivo en serio perigo, aínda que o apoio institucional e o compromiso das novas xeracións conseguiron revitalizar un sector de grande importancia para a vila. Un dos exemplos sobranceiros é o da empresa Fina Rei, onde os irmáns Miguel Ángel e Marcos manteñen a tradición do proxecto que no seu día puxeron a andar os seus pais, coa matriarca da familia como alicerce.

Comezaban os 70 e María Josefa Rei meteuse na artesanía do doce: «A receita díronma unhas señoras de aquí de Allariz e o meu marido dixo que era mellor que o fixese eu, que se me daba mellor. E así empezamos». Pasaron uns anos e deixouno «para atender aos fillos» -seis rapaces supoñen moito traballo e responsabilidades-. O relevo fórono collendo Miguel Ángel e Marcos de forma natural, case sen se decatar. Miguel Ángel lembra que «todos estivemos botando unha man e traballando nisto dende cativos, como pasa nas empresas familiares, aínda que ao final fomos Marcos e máis eu os que nos decidimos por manter a tradición familiar. Estabamos na casa e tiñamos a base feita». En Fina Rei sempre apostaron pola diversificación de mercados, os seus pais xa vendían os doces a través dun representante, e Miguel Ángel e Marcos manteñen esa filosofía: «No 95 foi cando nos metimos en serio, como un modo de vida, e coa premisa de elaborar aquí e comercializar fóra», apunta o primeiro. Na actualidade Fina Rei conta con tendas en Allariz, Ourense e Madrid. O proceso sigue sendo artesanal e a única maquinaria que se emprega é a trituradora da améndoa. O seu pai inventou hai anos unha máquina para evitar os moitos días que había que estar remexendo para facer a améndoa de pico «e sigue funcionando se a poñemos a traballar», apunta Marcos. Ademais das elaboracións tradicionais, amendoados e tortas, «nós apostamos por facer cousas novas e por iso nos metimos a fondo na repostería para innovar e dar un toque diferente: por acabado, por ingredientes, por ser un produto novo...» como lembra Miguel.

Sorpresas para o futuro

Os artesáns presentaban hai pouco uns bombóns sobre as esculturas de Acisclo Manzano e están ultimando novas presentacións: «algo innovador e que vai ser unha sorpresa». Miguel recoñece que o da familia é un proceso natural: «Somos larpeiros consumados. Lembro que toda a vida agardabamos polo postre para ver as sorpresas que nos facía miña nai. Aínda hoxe».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

A complicidade dos larpeiros