Columnista de xornais e revistas e acumulador de premios

La Voz

OURENSE CIUDAD

01 oct 2012 . Actualizado a las 22:14 h.

Nado en Caldas de Reis en 1914, Carlos García Bayón estableceuse como mestre en Ribeira cando a guerra civil, e rematou a súa carreira profesional e a súa vida na aldea de Xuño, en Porto do Son en 2003. Foi un mestre non só na escola, onde inculcou a paixón polo saber a moitas xeracións, senón que toda a súa actividade cultural estivo dirixida a darnos unha lección de amor á vida. Foi un home fondamente vital e todos os seus artigos e libros son unha mostra clara dese amor pola vida, da súa paixón polas terras, polas xentes e polos feitos do Barbanza. Poucas das nosas cousas escaparon á súa mirada. Describiunas con palabras e con debuxos. Sempre con forza e a miúdo con polémica, pero a persoa real era aínda superior ao xornalista e nunca levou as discrepancias ao terreo do persoal.

Dende 1957 colaborou en moitos xornais e revistas, dende La Vanguardia de Barcelona ao ABC de Madrid, de La Noche de Santiago a La Voz de Galicia da Coruña, de La Región de Ourense ás revistas madrileñas, pasando por Encrucillada e Luces de Galiza.

Primeiro libro

Tardou anos en ver impreso o seu primeiro libro, pero ao final da súa vida foron aparecendo non só volumes de viaxes, senón tamén compilacións de artigos. Como viaxeiro deixounos obras como Los caminos de Santiago en Galicia, Viajes galaicos, Piedras ilustres de la Barbanza, Muros y Xallas (1997), Guía das heráldicas da Pobra do Deán e Vila do Caramiñal (1998), Nuevas piedras ilustres de la Barbanza, Muros y Noya; Riveira, guía urgente pero apasionada (1998), Nomadeando los montes y ríos de O Invernadeiro.

Sostivo unha columna moi coñecida en toda Galicia, Meridiano de actualidad, e reuníronse os seus artigos galegos en 2005: Cartas desde a Costa da Morte. Tamén a pintura, Quince pintores pontevedreses, a literatura, o fútbol, Valle-Inclán, ao que dedicou o volume Valle-Inclán y Viana del Prior. Estampas del tiempo ido, Rafael Dieste e moitos outros temas estiveron na súa pluma. Medalla Castelao en 1999, Fillo Adoptivo de Ribeira e Cronista Oficial da Cidade, recibiu premios tan importantes como o Álvaro Cunqueiro de Gastronomía, o Julio Camba de Xornalismo, o Fernández Latorre, o Pérez Lugín ou o Ramón Godó.