O ceo e a terra

Xosé Vázquez Pintor

OURENSE CIUDAD

10 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Solea na Solaina de Piloño, en Terra de Carbia, onde reclama o Ulla o seu patrimonio, en traspasado o encoro de Portodemouros. Sempre solea. En noite e día. No equinocio e no solsticio. Sábese dende hai case vinte anos que a Casa do Ferreiro terá o lume aceso na forxa. A luz das cacharelas que traspasan a noite máxica do san xoán para a brincadeira coas palabras. A risa e a distancia. Dous homes hai aquí neste mundo de noso que son, serán memoria. Vidas da vida. Ensoñación. Encanto. Un deles acordou na marabilla das historias para a radio con voz propria, galega, cando eran as primeiras luces cara ás avenidas da libertade que coutaba o franquismo, tamén coma arestoras contra a nosa lingua. O outro «practicaba» a sabedoría dos corpos para atopar a saúde elemental nas terapias do rural da Gallaecia, mais «o practicante» tamén ollaba ao lonxe dos outeiros, cara ao cimo, en alba e noite sucesivas, para saber se o universo é a galaxia ou aínda moito máis alá: e un día de fábula ensoñou a garita das estrelas, coma don Ramón María Aller Ulloa.

Daniel González González e Xosé Maria López López son os seus nomes de rexistro civil, que eles os dous, coma todas e todos nós , nunca escolleron para o devir dos tempos. Cando chegaran de festa á miña vida xa atendían por Pepe e por Daniel, naquelas tantas dúas efeméredes da Pascua e dos Miragres, na parroquia de Cercio, que cadra na Terra do Medio: As Cruces, Lalín, Agolada e Melide ao lonxe. Velaí foi a primeira vez de nolos tres: na casa amorosiña e farta coas palabras e a mantenza nunha sobredose de cariño e confianzas que ía en medras, coma levados por aquela voz do profundo que era a resonancia magnética do patriarca do teatro galego para o mundo e as idades: Manoel Daniel Varela Buxán, o labrego de máis lustre na nosa dramaturxia. Naquel «Fogar de Breogán», que así era o seu nome, foi a primeira e sempre veces e máis veces dos convivios na nosa lingua e fala: A Terra e a Memoria, a Música e o Teatro, o Conto e o Canto, o Universo das Galaxias e o Faime Rir coma proxectos anovados, necesarios, para que a Gallaecia teña o seu sorriso en todas as distancias.

Así eran as nosas tantas veces xuntos. Eu caladiño e aprendiz e vosoutros palabreiros sen derrota. O soño da garita na Zarragrande xa chiscaba na ledicia de Pepe das Cruces. Daniel, «O Tío Xanete», sabía modular a voz que daba xeito aos personaxes do Conto Popular: «Filosofía do arado», que tan ben soubo dicir Castelao da obra feita do dramaturgo de Rubín de Lamas da Estrada. Que fartura para a miña adolescencia e xuventude, e madureza e xubilación que arestoras teño para estarmos aquí de volta todos xuntos neste solar que conta e canta, que sabe e que escoita todas as voces do galego universal que chega á «Patagonia Rebelde» que soubo interpretar Fernando Iglesias «Tacholas», o actor inmenso de Ourense, que compartiu con nolos tres as últimas xuntanzas da Casiña de Cercio.

Onte, día 9 do mes da seitura e de Santiago, tamén Elas, os rostros femeninos, as compañeiras, as amigas, as matrias, as irmás de todo canto temos de proveito e de mellor memoria: Alsira, María, Luisa, Isolina, Maruxa, Sabela, Xosefina, Carme? aquí neste eirado da Casa do Ferreiro, nas Paxariñas de Piloño, con volos dous en corpo e alma, facedores de luz universal na Cacharela e na Zarragrande. Quero que saibades que a labra do granito é permanencia, obra feita para os sécúlos, dende a esfinxe de Guiza e as pirámides ata as marabillas de Compostela e Carboeiro; os iconos, os camiños e os ladrairos que coutan da ruína os soños de por vida. Velaí estades, en retrato na macieza que o escultor O Vila soubo desvestir dende esta tarde das cereixas e dos figos na Solaina, e para máis tempo: o rostro e o cariño nas intemperies. Que así é a tanta vida dende as cifras dos milenios.