A Estrada e Lalín festexan o Día das Letras Galegas

m. garabantes

OURENSE CIUDAD

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

1A Banda de Gaitas de Barbude abriu a celebración do Día das Letras Galegas na Estrada, diante do monolito da alameda que recorda tal día coma o de onte en 1970, cando se dedicou a data ao escritor local Marcial Valladares. A poetisa Rosalía Morlán foi a encargada de ler o manifesto, no que evocou aquel tempo no que lle impuxeron falar o galego por ser unha lingua «bruta» e «de aldea». Seguidamente, Andrea Porto, membro do xurado do premio de poesía Avelina Valladares, fixo a lectura da acta para pasarlle a palabra a vencedora do certame, María Canosa. A escritora cense dixo sentirse orgullosa do premio. O acto culminou coas palabras de Dono e a ofrenda floral cando soaba de fondo o himno galego. Pouco despois, os xardíns municipais acolleron a concentración da plataforma Queremos Galego maila lectura de textos de Lois Pereiro e Castelao.

En Lalín Queremos Galego e O Naranxo celebraron o Día das Letras coa lectura dun manifesto a prol da lingua, música de Benxamín Otero e intervencións poéticas de Inacio Vilariño, Xosé Vázquez Pintor, Chus Pato, Manuel Igrexas, Carlos Negro e Celso F. Sanmartín.

Por outra banda, no Museo o Concello de Lalín entregou onte os premios Varela Buxán de relato curto. Na categoría de 12 a 14 anos gañou Iván Pazo Pérez. Na categoría de 15 a 18 anos a gañadora foi Paula Iglesias González e finalista Laura Barros Vázquez. Os tres do IES Blanco Amor de Ourense. A segunda finalista foi Eva González do colexio Sagrado Corazón de Lalín.