Unha publicación recupera a historia e a presencia do cinema en Ourense

La Voz OURENSE/LA VOZ.

OURENSE CIUDAD

30 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ourense mantén unha estreita relación coa actividade cinematográfica que arranca das primeiras décadas do pasado século e que se mantén na actualidade. Comezou coas primeiras salas de exhibición e o achegamento duns mozos que logo foron grandes realizadores cinematográficos e ten a súa cita máis recente nas convocatorias do Festival Internacional de Cine de Ourense. Sobre esa relación trata o libro Ourense e o cinema, publicación presentada onte no Museo Municipal da cidade pola concelleira de Cultura, Isabel Pérez, e o autor da obra, Valentín Barreiros Bermejo. No acto tamén participou Xosé Lois Vázquez, en representación da firma encargada do deseño da obra.

Valentín Barreiros Bermejo lembrou na presentación do seu traballo que a publicación «plasma as miñas dúas paixóns: Ourense e o cinema» e que a súa primeira imaxe vencellada coa industria cinematográfica data de cando o seu pai o levou de cativo ao cine Avenida «e chegamos tarde e xa estaba a sala escura. Aquel momento foi cando coñecín o mundo dos sonos que representa o cine». Ourense e o cinema é o volume número 11 da colección Auria que edita o Concello de Ourense e o autor artellou a obra en dous grandes bloques: «O primeiro é sobre 'Ourense no nacemento dun cinema galego' e recolle dende as primeiras exhibicións cinematográficas aos pioneiros». Neste apartado Barreiros Bermejo salientou a coincidencia en Ourense de tres mozos que se achegaban daquela ao cine e que logo realizaron grandes obras -Velo, Román e Suárez-.

O segundo bloque está centrado no papel de «Ourense no renacemento do cinema galego» e nel repásanse iniciativas como o movemento cineclubista na cidade e as lembradas Xornadas de Cine de Ourense dos anos 70 e como naquelas citas coincidían as persoas con inquedanzas audiovisuais e que foron os que asinaron as curtametraxes e películas do que se diu en chamar cinema galego. Valentín Barreiros tamén se referiu no acto de presentación de onte a directores ourensáns como Eloy Lozano, Miguel Castelo, Xavier Bermúdez «e agora Rodrigo Cortés».

Amantes da arte

O autor de Ourense e o cinema tivo palabras de agradecementos para persoas da cidade vencelladas ao cine que lle aportaron importantes documentos, datos e imaxes para ilustrar a súa obra. Entre outros citou a Luis Mazaira, que contribuiu ao traballo con «moitas ilustracións», e Alfredo Reñones, que tamén aportou imaxes e moita información recollida ao longo de 36 anos como proxecionista nos cines Losada e Xesteira.