De feira no auditorio de Ourense

OURENSE CIUDAD

09 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Farta de aturar a nugalla dunha súa descendente e o inexistente propósito de mudar o seu comportamento a avoa contestoulle á súa neta en resposta á recurrente pregunta diaria sobre onde se atopaban os seus zapatos: «Onde cres que están? Na neveira!». Coa súa terapia pedagóxica a vella tentaba facer comprender á preguiceira a importancia da orde e da función de cada espazo e moble para o óptimo funcionamento do día a día no fogar e, por extensión, na vida da rapaza. Aínda que poda parecer que a anécdota carece de importancia, certo, semella que por veces algunhas persoas ou institucións perden o sistema de referencia á hora dos obxectivos e funcións das cousas ou, no caso que nos ocupa, das instalacións e servizos. Pasou hai uns días no concerto de Buena Fe e Pablo Milanés no Auditorio de Ourense, onde algúns, entre os que me atopo, tiramos por conclusión que non quedaba claro se estabamos nun espazo cultural ou no moderno recinto creado na zona das Caldas para a feira da cidade.

Sen entrar noutro tipo de consideracións semella que é unha norma básica de educación e de respeto para os que mercan unha entrada para disfrutar dun acto cultural, 29,50 euros taxas incluídas, e para os que protagonizan a actividade que non se permita a entrada ao recinto unha vez empezada a actuación, que non se ande levantando á xente para acomodar aos que chegaron tarde, ou a aqueles que saen a respostar ao móbil, que os responsables de sala non sexan os verdadeiros protagonistas enfocando a lanterna nun picado cinematográfico e chamándolle a atención aos que están grabando co seu móbil -sexa quen sexa, aínda que sexa un cargo socialista, o pertinente é poñelos fóra- ou competindo cos cantantes coa música dos seus tacóns... e non falemos da imaxe que dá ter que pór un radiador no esceario. Pablo Milanés, Buena Fe e os espectadores non se merecían a celebración dunha feira no auditorio.