Brinquedia convoca, un ano máis, a todos os nenos e avós galegos a bailar conxuntamente o peón. O acto central terá lugar en Melide.
10 nov 2010 . Actualizado a las 18:18 h.Brinquedia-Rede Galega do Xogo Tradicional convoca para o 11 de novembro a 6ª edición do Día do Peón («Polo San Martiño, peóns ao camiño»), unha iniciativa que busca recuperar, divulgar e promocionar o património lúdico galego entre os máis cativos e que se marca coma obxectivo lograr a participación de miles galegos. Como en anos anteriores, esta asociación invita aos centros educativos galegos (están chamados 1704) e, en definitiva, a todos os pequenos, a que consigan un peón -decorado ou non para a ocasión- e o bailen conxuntamente ás 12 horas do xoves día 11 de novembro nalgunha praza ou centro das respectivas localidades. Se no 2009, e tal e como calcula Brinquedia, participaron na iniciativa 10.000 nenos e nenas, neste ano búscase superar esta cifra.
A convocatoria anual designa unha localidade galega na que se realiza o acto central do día. Se en anos anteriores foron Ourense, Santiago ou Pontevedra neste 2010 a elixida foi Melide, unha vila das más céntricas de Galicia e cun protagonismo destacado no proceso que se está a vivir de posta en valor do patrimonio lúdico tradicional. Así, o acto central terá lugar ás 12.00 horas na Praza do Convento (no Pazo de Congresos, se o tempo non acompaña) e consistirá en diversos concursos de habilidade coa buxaina, de decoración de peóns, de mostra de xogos doutras culturas ou de lanzamento do peón máis pequeno do mundo a cargo do artesán Manolo Charrancas. E tamén será lido -igual que no resto das convocatorias- o pregón do Día do Peón, neste caso a cargo do escritor Xosé Vázquez Pintor.