«O meu libro é duro pero non é para nada confesional»

Xosé Manoel Rodríguez OURENSE/LA VOZ.

OURENSE CIUDAD

A profesora de Cortegada afincada en Salamanca presenta no Liceo o seu primeiro poemario, con prólogo de Aute

22 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

En maio foi noticia na Feira do Libro de Salamanca, nova recollida polos medios de comunicación estatais, a presentación dun poemario, libro máis cedé, dunha nova autora. Tríptico de mármol, que así se chama a obra, conta cun prólogo de Luis Eduardo Aute. Aquela profesora salmantina que se convertía en centro de tódalas miradas está hoxe no Liceo (19.30 horas) para presentar a súa obra por un imperativo categórico: Monserrat Villar naceu en Cortegada hai 40 anos e a súa familia está afincada en Ourense.

-Nas referencias sobre a súa obra dise que botou varios anos na elaboración.

-O que pasou é que o poemario levaba 4 ou 5 anos rematado. Non se editaba porque tampouco me movía nin tiña contactos co sector editorial ou con xente que o puidese publicar.

-¿E como se materializou o proxecto?

-Comecei a moverme e a desenvolver algúns proxectos e iniciativas con músicos e poetas de Salamanca e abrín unha páxina en internet onde colguei os meus poemas. Sempre gustei da obra de Leopoldo María Panero e fíxenlle un poema, os versos foron lidos por un poeta de Cartagena que estaba preparando unha antoloxía de Panero, contactou comigo, de aí xurdiu o contacto con Huerga & Fierro, aos que lle gustou o meu traballo, e así foi como se editou a obra.

-¿E a colaboración de Aute?

-Antonio Marín Albalate, o poeta que contactou comigo polo de Panero, invitoume a colaborar nun libro de homenaxe a Aute. A este gustáronlle os meus poemas e quixo escribir o prólogo, pero iso xa foi cando o libro estaba pechado.

-O libro contén un cedé.

-Antes movíame en varias asociacións culturais e agora con amigos que son escritores e músicos. A min dábame moita vergonza recitar, e pedinlle a un deles unha versión de Palabras de mármol e logo outro díxome se podía musicar un poema e de aí xurdiu que se incorporase ese cedé con pezas dos cantautores Andrés Sudón e Fernando Maés.

-Hai moitas referencias á dureza do poemario.

-E reais. Nese poemario céntrome na existencia da morte, en cousas desagradables... foi froito dunha etapa, máis non é confesional. O que escribo agora é radicalmente distinto.

-¿Como unha rapaza de Cortegada remata de profesora en Salamanca?

-Pois como pasa sempre: estudei nas Franciscanas e en Ribadavia e logo fun facer a carreira a Salamanca con 18 anos. Empecei a traballar, caseime e xa me asentei alí para facer a miña vida.

-¿Presentar na cidade é voltar á casa?

-É un orgullo, porque ademais de ser no Liceo pediumo unha antiga profesora miña, María del Carmen Lorenzo, e iso foi moi emocionante ¿Voltar á casa? non é tal: veño cada 15 días a Ourense para ver á miña familia, son de Cortegada de Baños e galega ata a médula.