«A relación entre o hospital e a atención primaria hai que institucionalizala»

Mar Gil OURENSE/LA VOZ.

OURENSE CIUDAD

Ovidio Fernández xubílase coma xefe de Medicina Interna do Chou e aspira a manter a colaboración na área de investigación e docencia

29 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xubilarse en boas condicións, di Ovidio Fernández Álvarez (San Xoán de Río, 1940), é un privilexio. Un día despois de abandonar a actividade laboral no Complexo Hospitalario de Ourense, o ata fai nada xefe do servizo de Medicina Interna mira máis cara ao futuro que cara ao pasado. E iso que é médico dende 1965 e leva 40 anos no Chou.

-Xubílase con 70 anos e aínda quere actividade.

-Estou pendente de que me nomeen emérito; se é así, quedaríanme 2 anos máis.

-¿Médico emérito?

-Si. Na Universidade hai profesores eméritos e no Sistema Nacional de Salud figura no estatuto marco, pero en moitas comunidades está sen desenvolver; a galega desenvolveuno nun decreto en marzo, que contempla que determinados facultativos, con carácter excepcional e a proposta dunha institución, poidan ser nomeados eméritos. A min propúxome o Chou e teño moitísimas posibilidades de que me nomeen en 15 días.

-¿Cal sería o seu papel?

-Para consultor, docencia, investigación e relación con primaria, por 2 anos e 3 horas diarias.

-Nada menos que as asignaturas pendentes.

-A formación de especialistas no Chou é bastante boa, evidentemente mellorable, pero creo que os residentes que finalizan a súa especialidade no Chou están moi ben formados. A docencia de pregrao non está estandarizada; se temos a sorte de que o Chou sexa universitario e se fai concerto coa universidade, será fundamental a docencia de pregrao; hoxe témola, pero dun xeito non reglado.

-A relación con primaria semella máis espinosa.

-Nós, en Interna, levamos moitos anos cunha relación moi boa con primaria. Xa hai 4 consultas de medicina interna unicamente dedicadas á relación con primaria. O servizo ten unha traxectoria moi densa nese terreo, pero a relación entre o hospital e a atención primaria hai que institucionalizalo. Se chegamos a unha xerencia única, iso tamén o vai favorecer. Hai experiencias boas, como en Andalucía; aquí hai que mellorala, hai que chegar a unha historia única informatizada. Vaise polo bo camiño e os profesionais sempre están dispostos a mellorar esa relación e iso é importante.

-Corenta anos no Chou dan para ver moitos cambios, supoño.

-Eu iso de calquera tempo pasado foi mellor, non o vexo así. Cada ano mellórase, e moito. Cando eu cheguei, en Ourense facíanse moi pouquiñas cousas. Este é un hospital hoxe comparable con calquera. Só falta cirurxía torácica e cardíaca e no resto somos practicametne autosuficientes; hoxe case non se despraza ningún enfermo fóra de Ourense salvo para esas cousas. Cando eu empecei había 250 camas, hoxe temos cerca das 1.000. Dende 1970 ao 2010 cambiou todo.

-Sustitúeo De Toro

-É un compañeiro impecable. Era xefe do servizo no Nai co que sempre podería haber algún roce, pero todo o contrario, nunca tivemos ningún problema.

-¿Vaise con pena dalgúm proxecto incumplido?

-Quedan tantos por facer! Unha docencia de pregrao ben regulada, ter ben organizada a de postgrado, a relación con primaria... E temos que facer investigación clínica, non só a básica, hai que potenciala tamén moito.