«Recordo cando collía anguías e peixes na zona de Viana do río Asma»

Rodrigo Fernández
Roi Fernández CHANTADA |

OURENSE CIUDAD

06 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

José Cente Guerra, máis coñecido entre os veciños de Chantada como Pepiño García, leva 45 anos quitando a súa licencia para ir pescar cada temporada. Culpa á contaminación do estado actual dos ríos galegos, que define como pésimo no que a exemplares se refire, e recorda cando nunha zona alta do río Asma coñecida como Viana, collía anguías e diversos peixes.

-¿Como valora o estado do río Asma?

-En xeral os ríos están moi mal. Proba dilo é que hai días nos que vou pescar con outros dous compañeiros e logo de pasar toda a xornada só collemos unha troita entre os tres. Andamos moitos quilómetros de río e non se ve ningunha.

-¿A qué cre que se debe?

-Seguramente a contaminación é o que acabou coa fauna do río. Recordo tempos no que na zona de Viana, na parte alta do río Asma, collía anguias e peixes. Agora iso cambiou, case non se ven exemplares.

-¿Cando se comezou a notar o descenso de peixes no Asma?

-Fun consciente do baixón que experimentou a fauna do río Asma sobre todos nos últimos cinco anos.

-¿Só percibiu esa redución no río Asma?

-Non. Ademais do Asma, adoito pescar no río Mao, no Cabe e en ríos pequeniños como o de Ferreira de Pantón. Tamén no Arnego, en Rodeiro, e no Orille, en Ourense. E todos eles están na mesma situación.