«Eles gañaron, e agora hai que facilitar que haxa boa relación»

OURENSE CIUDAD

O número dous da candidatura perdedora aposta pola unidade e nega que vaia ser un obstáculo entre Baltar e Feijoo

01 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Antonio Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG e número dous da candidatura perdedora no congreso ourensán, aposta pola unidade do partido. «Houbo unha votación e os afiliados manifestáronse apoiando unha determinada opción de xeito maioritario. Está claro que hai outros sentires do partido que teñen tamén un respaldo importante, pero eu opino que agora temos unha nova dirección e eu entendo que todos temos que traballar dentro dun único partido».

-Baltar Blanco dixo que non integraría á outra candidatura no seu equipo. ¿É ese o camiño da unidade que marcou Feijoo no seu discurso?

-As decisións do novo presidente teranse que empezar a tomar a partir de agora. Como lle dicía o presidente Feijoo, cando chegue ao despacho será o momento a partir do cal sentirá que ten a dirección do partido. No congreso era en clave electoral e nese momento todas as cousas estalas pensando en gañar o proceso electoral. A partir de aí eu creo que vai a ter vontade para que o presidente sexa o presidente de todo o PP de Ourense.

-¿Cre entón que rectificará?

-Na prensa lin que contaba con todas as persoas do partido. Outra cousa é en clave de órganos de dirección, que el tomou a decisión que considerou máis axeitada e non ten por que cambiala se democraticamente tivo respaldo para as súas propostas. Todos os afiliados están a disposición do presidente e do partido para seguir traballando.

-El di que vostede participou na xestación da súa candidatura e que logo cambiou de criterio. ¿É certo?

-Nesta candidatura que saíu do congreso eu non participei nela para nada.

-¿Será vostede un obstáculo para a boa relación do novo presidente coa dirección do PPdeG?

-En absoluto, todo o contrario, toda a xente de Ourense eran compañeiros de partido e seguen sendo. Eles gañaron un proceso electoral e agora hai que facilitar que haxa boa relación. Desde logo, pola miña parte vai ter toda a colaboración para facilitar iso, como a tivo antes.

-¿Non afectará que el o chamase «impresentable»?

-Eu durante todo este proceso xa dixen que non valoraba opinións de compañeiros do partido e vou seguir facéndoo porque opinar dos compañeiros é dar folgos á oposición. Fun respectuoso durante o proceso e non vou deixar de selo.

-¿Cre entón que a unidade se pode recuperar?

-Todo congreso é sempre un bo momento para que o partido adquira viveza e saia máis forte do que estaba antes para loitar contra os nosos adversarios políticos.