Máis de 200 xadrecistas competirán no Torneo Santa Rita de Semirrápidas

La Voz

OURENSE CIUDAD

15 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Club Xadrez Fontecarmoa e a Fundación de Deportes de Vilagarcía presentaron onte a sétima edición do Torneo Santa Rita de Semirrápidas. Unha cita con seis categorías en lid, cinco delas, as sub 8, 10, 12, 14 e cadete, encadradas dentro do Circuito Galego Escolar.

A escasas horas para o peche da incrición eran 220 os xadrecistas anotados na cita vilagarciá, que se disputará mañá desde as once da mañá no auditorio, e que se prolongará ata as oito da tarde con seis roldas por xogador.

O directivo do CX Fontecarmoa e vicepresidente da Federación Galega de Xadrez, Francisco Ángel Vilas, explicou onte que o número de xogadores de base era semellante á da anterior edición, baixando as inscricións no caso da categoría absoluta. Un punto este último que atribuíu ao feito de que «esta fin de semana se celebran seis torneos en Galicia, ao coincidir co Día das Letras Galegas, e tamén o Campionato Universitario en Cataluña».

O club anfitrión conta con Lucas Abal e con Jorge Segura á fronte das clasificacións alevín e promesas do Circuito Galego, respectivamente, logo da disputa da primeira proba, a pasada fin de semana en Ourense. Ademais do Torneo Santa Rita, o Fontecarmoa organizará outros catro dos doce torneos do Circuito: o Memorial Adolfo Pedrido e o Open McDonalds, en Vilagarcía, o Torneo do Salnés, en Ribadumia, e o Concello de Vilanova.