«Eu non dou sorte, a tiveron eles ó coller o número »

OURENSE CIUDAD

Varios ourensáns levaron unha alegría da man deste vendedor da Once que repartiu 350.000 euros

23 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Este martes foi un día especial para varios ourensáns dos moitos que mercaron un cupón da Once, concretamente para os que levaron para as súas casas o número 81617. Esta cifra traduciuse, logo do sorteo, en 350.000 euros repartidos en dez boletos. A metade pasaron polas mans de Luís Novoa Grañas (Muíños, 1972), un vendedor da Once con posto provisional no quiosco da estación do tren, no barrio de A Ponte, a quen a sorte tamén lle sorriu, xa que o do martes foi o seu primeiro premio importante, polo menos en Ourense.

-¿Véndese máis despois de dar un premio?

-A verdade é que non moito. Agora a xente empezará a ver o cartel e a ver que pasa. Pero neste momento, a verdade é que a xente non está como para tirar os cartos.

-¿Xogan máis os ourensáns, por aquilo de que fai falta o diñeiro?

-Pois non moito máis, polo menos aquí, onde estou eu. Tampouco é que se note un gran retroceso nas ventas coa crise. Case podo dicir que ven sendo estable, pero si é certo que cando chegamos a fin de mes nótase que a xente mira máis para o bolsillo e entón si que compra menos.

-¿Que supón para ti este premio?

-É o primeiro premio importante que dou aquí. Eu veño de Castellón e levo dous anos en Ourense. Son traballador fixo da empresa, pero non teño posto estable, así que ando dun lado para outro. Desta vez tocoume aquí, pola baixa dunha compañeira. Levo xa algúns meses, pero cando ela se incorpore a empresa levarame a outro punto. E polo momento é o premio máis importante, porque 350.000 euros non está nada mal.

-¿Tes idea de como quedou repartido?

-O premio vendeuse en dez cupóns e eu vendín a metade. Os outros cinco vendeunos un bar. En total, cada persoa leva 35.000 euros, que sempre se agradecen.

-¿Sabes quen é algún dos premiados?

-Un deles si, porque veu a verme a primeira hora da mañá e a dicirmo. Hai outro acertarte quesei quen é, pero dos outros non teño idea de quen poden ser.

-¿A xente comparte algo desa sorte co vendedor?

-O habitual como moito é que che dean as grazas e pouco máis. Pero a verdade é que non teñen por que facer outra cousa. Eu non dou a sorte: a sorte a tiveron eles ó coller o número.

-¿Non deixan a elección do número nas túas mans?

-Hai de todo. Hai xente que xoga sempre a unha terminación, outra que xoga ó número enteiro e tamén xente que só quere levar un cupón para probar sorte e lle dá igual o número, que é cando o elixo eu. Pero sempre é cuestión de sorte.