?Utilidade e uso. Mentres os corrillos políticos ferven co que será será, no resto do mundo cultural levántase as inquietudes máis diversas sobre o futuro inmediato: sectores como o dos libros, teatro, audiovisual ou arte andan inquedos para que non se perda o conseguido. No fondo, a reflexión vale para a cultura como vale para a lingua. A unanimidade da inquedanza suxire que debería haber unha unanimidade ao expoñela. Suxire que non é o momento de ir protestando cada quen polo seu lado ou tentar xustificar un sector lonxe dos outros. Unha cultura ten que ser un sistema completo: ou están todos ou non hai sistema.
No caso galego a cultura funciona como unha prolongación case inmediata da lingua. Para ben e para mal. Tanta inquedanza suxire que sería o momento de organizala e conseguir que se vexa, por fin, esa imaxe de conxunto que algúns personalismo e outros erros estratéxicos non deixaron ver ata agora. Porque unha lección do fraguismo foi que atender algunhas peticións particulares ten un inmediato efecto anestesiante e paralizan de maneira efectiva as intencións colectivas.