«A dos Quiroga foi unha liñaxe endogámica»

OURENSE CIUDAD

Unha das familias máis importantes de Valdeorras centra o seu último traballo

19 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O traballo diario durante décadas á fronte do Arquivo Histórico provincial levaron a Olga Gallego Domínguez (Ourense, 1923) a atopar nomes e historias nas que viu algo especial e que co tempo foi dando forma para convertelas en libros. O último, sobre unha das familias máis importantes de O Barco, Os Quiroga, que onte presentou na capital valdeorresa. Trátase do traballo Os Quiroga: señores dos coutos de Montefurado e do Pazo de Viloira, publicado grazas á colaboración entre o Instituto de Estudios Valdeorreses e o grupo Marcelo Macías.

-¿Como atopou a documentación para a obra?

-Traballando no Arquivo, cada vez que chegaba algún documento sobre O Barco atopaba nel información sobre Os Quiroga por todas partes; así que ao final me dixen que tiña que facer algo con todo aquilo.

-¿Foi daquela un traballo fácil?

-Non, porque aínda que atopei moita información fáltame moita outra, porque sei que hai moita máis. Era unha familia cun arquivo importantísimo que non chegou completo ata nós. Lamentablemente eu non puiden contar para este pequeno traballo coa fonte arquivística provincial da liñaxe dos Quiroga, o seu arquivo, que aínda existía en 1776.

-¿Quizais vítima das divisións nas herdanzas?

-Non sei se por iso ou porque se foron vendendo documentos importantísimos. Pese ás xestións privadas feitas hai tempo, descoñezo onde se atopa o arquivo, se fica nunha liña do liñaxe, si se fragmentou entre varias liñas ou si se destruíu. Pero estou convencida de que moitos descendentes teñen que ter documentos gardados. Oxalá dar a coñecer o libro sirva para que esas persoas se dean a coñecer. Porque deberían concienciarse que os mellores lugares para conservar eses documentos son os arquivos públicos.

-¿Que destacaría de todo o que atopou?

-Pois que nunha sociedade estamental e agraria do Antigo Réxime como era aquela, hai algúns protagonistas un pouco sospeitosos, no sentido de que non está moi claro como se crearon certas fortunas naquela época de fame, e tampouco están moi documentadas as compravendas de terreos. Por outra parte, a dos Quiroga foi unha liñaxe fortemente endogámica, señores, en principio, do couto de Montefurado e que acharon os seus momentos de esplendor con Diego II (século XVII), que en 1637 ergueu o Pazo de Viloira e que dez anos despois fundou vínculo e morgado. O seu fillo do segundo matrimonio, José de Quiroga Salgado Gayoso, consegue en 1696, tras a morte do seu medio irmán Diego, o tan ansiado señorío de Montefurado. Tras a morte do seu sucesor, en 1776, comeza outra titoría e a unión dos consortes asturianos, e moi cedo as leis desvinculadoras, as de supresión dos señoríos e as desamortizadoras, levarán á disolución dos patrimonios e á democratizacións.