Comeza a Feira de Outono cun debate sobre o cooperativismo

La Voz E. F. | A BAÑA

OURENSE CIUDAD

25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

No marco da Feira do Outono e as Cooperativas que se celebra durante toda a xornada de hoxe no polideportivo de San Vicente da Baña, onte tivo lugar o primeiro Foro das Cooperativas. Foron técnicos da cooperativa Erica Mel que expuxeron aos asistentes a súa experiencia trala posta en marcha dunha cooperativa de mel, dado o interese que hai por facelo mesmo na comarca de Barcala. Hoxe, en horario de 10 a 19 horas, permanecerá aberta a terceira edición da feira do Outono no recinto cuberto que acollerá máis dunha trintena de postos sobre artigos de coiro, cerámica, pintura, metal, madeira e mesmo alimentos e bebidas como licores, viño, mel, embutidos, pan ou produtos ecolóxicos. Ao longo do día haberá unha degustación de pratos típicos de países árabes, europeos e sudamericáns, os cales serán confeccionados por inmigrantes residentes no municipio de A Baña. Tampouco faltarán as actuacións musicais e de teatro coa compañía Volta e Dálle, e a obra Peccata minuta, ás cinco da tarde. De interese será a demostración de compostaxe, a cargo da firma Todoverde, de Paderne de Allariz (Ourense), cuxa actividade xira en torno á reciclaxe de materia orgánica para reconvertela en abono non sintético. Exporán os seus servizos de xardinería e proxectos de compostaxe doméstica, amosando como se fai o compós orgánico de xeito doméstico, e que serve de gran axuda para sacar adiante cultivos de horta de xeito ecolóxico e natural.