Do Castro publica o libro de Xosé Lois Rúa, «O tránsito da auga»

La Voz LA VOZ | OURENSE

OURENSE CIUDAD

PILI PROL

14 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Edicións do Castro ven de publicar unha nova obra do escritor e xornalista Xosé Lois Rúa. O tránsito da auga, que así se titula o libro, é o traballo co que Xosé Lois Rúa gañou a última edición do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. O tránsito da auga é un libro que, como sinala o propio Rúa na xustificación preliminar, mergulla as súas raiceiras na experiencia personal do autor e no impacto que causou na súa vida -e na dos seus veciños e familiares de Campobecerros, Campos, Cambalán...- e na historia de Castrelo do Val a construcción do encoro das Portas. Unha acción esta que se levou o mellor da súa «pradaría e con ela os xeitos de vida tradicionais e un bo anaco da súa cultura centenaria». Esta nova obra de Xosé Lois Rúa está marcada por unha poesía intimista, evocadora, nostálxica de espacios e presencias, e, por riba de todo, amorosa. Setenta e cinco poemas compoñen este libro que se fixo acreedor do último premio Eusebio Lorenzo Baleirón. A fonda sensualidade da obra que agora presenta Edicións do Castro comparte protagonismo co sentimento de soedade e a nostalxia. A morte ou a desaparición -da cultura, das tradicións, das presencias- son outras constantes nos poemas de O tránsito da auga. Rúa gañou en dúas ocasións, unha delas a do 2002, o premio Cidade de Ourense de poesía.