VÍCTOR CAMPIO PEREIRA

La Voz

OURENSE CIUDAD

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

10 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Chámase Víctor Campio Pereira González, naceu na aldea de Garabás (Maside) en 1928, foi catedrático de Literatura Española nun instituto de Ourense, cidade na que vive, e é un home de ben, o que non é pouco neste tempo. Aínda que moitos non o saiban, Víctor Campio é escritor, escritor moi responsable en varios xéneros literarios. Algúns, mesmo fóra de Ourense, saben que Víctor Campio é un poeta, un poeta verdadeiro, autor de poucas pero moi escolleitas páxinas. Lectores hai, entre os que me conto, que pensan que o seu soneto Se chego no solpor son catorce versos de ouro: unha páxina antolóxica da nosa Literatura. Pero a Víctor Campio, que nunca está nos proscenios nin na punta da póla, hai que facerlle xustiza. É de xustiza. Excelente ocasión esta en que mans sensibles acaban de publicar dous volumes seus: un en verso, Perdida luz (Escolma poética), e outro en prosa, Escritos en do menor, ámbolos dous na colección Libros de Frouma (Santiago). Prológaos, con datos e sentido da oportunidade, Luís Alonso Girgado. En canto á obra en verso, algún día haberá que recupera-los textos inéditos escritos «nos anos cincuenta, baixo a férula do franquismo». Mandoumos a min, en setembro de 1997, cunha carta demasiado humilde: «... que nunca viron a luz (nin falta que fai)». Estou totalmente en desacordo porque hai poemas sociais de nobre feitura literaria, entre eles, Medo e Foi un mencer, soneto que ben podía se-lo epitafio de calquera dos paseados no verán do 36. O volume en prosa é unha escolma dos artigos que Víctor Campio publicou en La Región, de Ourense, nos últimos cinco anos. Predominan os de tema literario, tratados sempre con sensibilidade de bo lector e coa delicadeza moral que caracteriza ó comentarista. Escritos nun galego moi coidado por quen escribe o galego desde dentro, estas páxinas en prosa xustifican, moi claramente, que eu fale delas nunha sección que se titula Beatus qui legit. Felicidade -ademais de utilidade- acadará o lector das páxinas nas que Víctor Campio fala de Mendiño, de Ben-Cho-Shey, de Blas de Otero, de Sánchez Ferlosio, de Curros Enríquez, de Xosé Conde, de Lucas Moreno, da revista Vieiros... Ourense na voz dos poetas Acaba de publicar Marcos Valcárcel un libro moi axeitado á súa condición de historiador e de crítico literario, Ourense, craro río, verde val (A cidade na voz dos poetas), volume no que figuran tres sonetos, feitos e dereitos, de Víctor Campio: O Santo Cristo, A Ponte e As Burgas. Víctor Campio xa está entre os grandes poetas que cantaron Ourense, parnaso no que figuran, entre moitos outros, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Eugenio Montes, Otero Pedrayo, José Ángel Valente, Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar e Méndez Ferrín.