«Isto só busca traer problemas cos veciños, e antes de presentar escritos deberían de informarse»

F. Ulloa

OS BLANCOS

13 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O rexedor de Os Blancos considera esaxerada a reacción dos grupos da oposición e non esconde o seu malestar polo escrito firmado por tódolos voceiros no que se lle require para que tome medidas para arranxar a falta de atención e o mal funcionamento burocrático do concello.

-¿Pensa que a situación non prexudica aos veciños?

-Eu recoñezo que en materia de persoal, coas últimas baixas das dúas traballadoras que están por estrés e por depresión, estamos nunha situación delicada. Pero eu non teño constancia de que en ningún momento houbo queixas ou problemas con algún veciño.

-¿Non lle parece raro que dúas funcionarias se poñan de baixa o mesmo día por cuestións similares?

-Nese tema o único que quero dicir é que lles desexo, dende o punto de vista persoal é que se poñan ben. E mirando para o concello, o único que podo desexar é que oxalá se incorporaran pronto.

-Pero é certo que agora, sen a secretaria, non hai quen firme un papel

-Ca secretaria chegamos a un acordo. Non lle podíamos negar os quince días de vacacións, aos que nos obriga a lei, pero está localizada. Quedamos en que si había algún papel urxente que non puidese esperar ela se pasaría a firmalo. De tódolos xeitos hai que lembrar que nós non temos secretario a tempo total, senón que compartimos co Concello de A Porqueira, e normalmente ela tampouco está aquí tódolos días. En concreto ven tres á semana, é dicir que de aquí faltou tres días, ata o momento. Tamén hai que lembrar que estamos en agosto, e por moito que digan, non hai tanta demanda de tramitación. Poden vir a mirar unha finca, ou cousas así, porque a xente sabe que tódalas administracións están paralizadas practicamente, así que non hai tanto traballo e é un mes que se leva moi ben.

-¿Por qué non delegou a firma?

-Porque a Lei obriga a que se delegue noutro funcionario, e dase a circunstancia de que as temos de baixa. Non hai en quen delegar, porque a outra rapaza que está aquí é unha contratada temporal, non ten esa cualificación. Eu intentei hai máis de un mes que a Deputación me enviase unha persoa, pero aínda non me contestaron. Agora a oposición presenta este escrito, pero para min que so busca traer problemas cos veciños, e o que lle digo á oposición e que antes de presentar escritos deberían de informarse do que realmente pasa, porque a porta do concello está aberta para todos.