Santa Ana

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OÍMBRA

18 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen camiña a Oímbra, aínda sen sabelo, está dando pasos cara ao paraíso. O paraíso que escribiu o Dante, tamén Milton, ou aquel que edificou con brío e prosa de pavo real Lezama Lima. Hai outros paraísos, certo, pero en Oímbra están máis cerca do ceo. Nos montes de Videferre congréganse os magos nas noites de verán. E abaixo, no val, a mencía e o merenzao e o torrontés ou o sousón, godellos e treixaduras e hortas e donas brancas redactan pentagramas que só poden interpretar os músicos de xenio. Sinto debilidade por Oímbra, confeso. E máis nesta hora.

O pasado domingo ardeu a capela de Santa Ana. É a señora que protexe as xentes de Oímbra e de todo o val de Monterrei. É unha capela sen alardes, pero linda. Estou seguro de que algunha vez se escribiron dende alí, a soas co inverno, os versos máis fervorosos contra a adversidade. Diminuta, recollida, mística acaso. O que queda dela son as paredes. Suficiente. A alcaldesa, logo do desastre, non tivo tempo para chorar. Alzou a voz e dixo: «Reconstruirémola de contado». E eu pensei que esa é a actitude da xente óptima deste país.

Estamos cansos de resistir e que nos canten, un día tras outro, as resistencias. Cansos de ser parasitos da angustia. É un sintagma perfecto. Escribiuno o mestre Miguel Torga, natural de Tras Os Montes, dende Coimbra (falaba de Sartre). Ten a mesma raíz etimolóxica que a patria de santa Ana. No sufixo «briga» vai esculpida a fe dos que cremos no verbo reconstruír. Ou sexa, caer e levantármonos. Sen tempo para os laios. Estamos cansos de chorar. Insisto, e de resistir. A capela de Santa Ana ha de erguerse de novo para protexernos e abrigarnos nos días de frío. O paraíso non sabe de derrotas.