Quico Cadaval: «Na cadea de Pereiro de Aguiar fun abucheado porque tiñan máis gañas de ver a Sergio Pazos»
O PEREIRO DE AGUIAR
«Noites de Retranca» regresa este sábado a Afundación de Pontevedra con Celso Fernández Sanmartín, Mofa e Befa, e o propio Quico Cadaval
18 ene 2026 . Actualizado a las 19:39 h.Noites de Retranca volve este sábado, a partires das 20.30 horas ao auditorio de Afundación de Pontevedra, da man de Celso Fernández Sanmartín, Mofa e Befa, e Quico Cadaval (Ribeira, 1960), quen destaca o feito de que foi «unha invención de Rababiero Promocions que descubriu que o fenómeno do stand-up, dos comediantes, dos monologuistas, ten unha forma galega, un acento galego, que hai unha cultura do humor e da ironía que é propia de nós e que, sen seguir os modelos que están divulgados pola tele, o público pode ver o humor da casa, de fabricación caseira, de quilómetro cero».
—Está considerado o espectáculo de humor máis antigo de Galicia...
—Desde que aparece a fórmula de xuntar artistas sobre un escenario e que non sexa unha obra de teatro perfectamente ensaiada, si que é. Unha das características das Noites de retranca é que hai unha comunicación moi grande co público, hai unha capacidade moi grande para improvisar. Celso Sanmartín, Mofa e Befa e mais eu temos moito feeling co público. E cada día é diferente. Deste estilo é o espectáculo máis antigo que se fai no noso país.
—Tal vez o feito de improvisar, que cada noite sexa diferente ao anterior, é o maior reto que teñen por diante?
—Levarei trinta anos no mundo do escenario e aí aguantar votando por fora, e teoricamente eu xa debía estar encalecido e non ter ningún problema, pero cada vez que saímos a un escenario hai ese pequeno nervio, esa excitación de saber como irá hoxe, de saber que hoxe vai ser un día diferente. Claro, é un desafío, pero tamén é o noso maior pracer.
—E nestas tres décadas de carreira, cal puido ser a súa maior sorpresa sobre un escenario?
—Agora tería que remexer un pouco e buscala... En Valencia, por exemplo, con un público xuvenil, adolescente, tiven a sorpresa de que apareceume unha nena que era neta dunha personaxe que saía no conto que acababa de oír. Unha nena valenciana, neta dunha galega, de repente encontrase con que a súa avoa saia aí. Noutra ocasión actuei nunha cadea, na de Ourense, en Pereiro de Aguiar, substituíndo a Sergio Pazos, o artista da terra naquel momento, e fun abucheado polo público porque tiñan máis ganas de ver a Sergio. Debe de ser que se sentían máis unidos, ten esa pinta de delincuente que eu non teño, e entón sentíanse máis identificados. Podía seguir contándoche unha cousa máis outra...
—En todo caso, que podemos esperar do espectáculo deste sábado en Afundación?
—A verdade é que temos tres estilos completamente diferentes. O estilo de Mofa e Befa é sarcástico, ten un punto de agresividade cabareteira. Son coñecidos polo público de aí e contrasta con Celso Fernández Sanmartín, que é o artista de Lalín que sempre di que teño a rima moi fácil. Vainos a explicar realmente cal é ese carácter retranqueiro, ese carácter non agresivo e irónico que consigue encontrar os rasgos de humor onde non hai. E logo, estou eu que son un bocazas, que boto a lingua pacer, como se di na miña terra. Falo para fora, para fora e ao final aparece algo co que o público se pode divertir.